ROBERTO VIDAL BOLAÑO, LETRAS GALEGAS 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO, LETRAS GALEGAS 2013

9
Segundo o meu pai nacín ás doce da noite, e nese día, o 31 de Xullo do 1950, remataban as festas do Apóstolo. Nada máis dicírenlle ao meu pai que tivera un neno, botaron os fogos e prendéronlle lume á traca. Ata semellaba que era por min.
Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño naceu en 1950 no barrio compostelán de Vista Alegre cando aínda se oían os foguetes que botaban o pano de peche da festa do apóstolo. Era unha premonición: anos máis tarde, de chapeu e nariz vermello, había de alumear ao teatro galego.O vindeiro ano Galicia, e as Letras Galegas 2013, celebran o teatro. O teatro escrito en galego pola man de Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo nacional, e que tantas veces durante estes dez anos que van da súa morte, foi botado de menos pola cidadanía que bebe a vida no teatro. O ano que vén Roberto Vidal Bolaño ha volver aos escenarios e ás prazas deste país, e volveremos oír a súa voz. Farase xustiza coa súa obra literaria e falarase unha vez máis da necesidade dun teatro fértil, escrito e feito para un pobo, e nacido dese pobo.Non é doado expor a verdadeira importancia deste home do teatro, e nestas liñas non quedará nunca exposta a dimensión de autor constructor dunha realidade nacional sempre parella a súa cultura. Nembargantes cómpre estimular cara a lectura das súas obras, nas que se posiciona cos débiles e sempre conectando coa memoria do país. Os seu enredos son tecidos por voces da rúa, a través dunha profunda e aceda observación da sociedade, amosando sempre unha gran curiosidade polos fenómenos do seu tempo. Vidal Bolaño escribía as súas pezas dende a xente do común, expoñendo as súas dúbidas e contradicións, e enfrontándose aos poderosos coa coraxe  dun revolucionario.Coa súa literatura buscaba, coa humildade de artista que o caracterizaba, estimular a conciencia moral, social, cultural, política, histórica, mesmo dunha realidade nacional. E elixiu o teatro como forma privilexiada de activar esa conciencia. El mesmo dicía que era ese o seu obxectivo e se ademais creaba algo de beleza tanto mellor.No eido da arte escénica sempre foi un voceiro dos traballadores do espectáculo, reclamando a necesaria normalización profesional como forma de acadar un teatro de calidade e a excelencia. Porque Roberto non era só un dramaturgo, a súa acción como constructor do actual sistema teatral non se resumiu á escrita: actor de gran talento, director de escena rigoroso, iluminador ao servizo das dramaturxias, adaptador respectuoso de importantes autores da nosa literatura como, Daniel Cortezón, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, e tamén empresario teatral. De non menos importancia son as súas achegas á teoría teatral, nacidas das numerosas conferencias, ensaios e críticas, que agardemos saian á luz reeditadas e compiladas no vindeiro ano.Da súa escrita dramática é difícil facer unha escolla, malia todo, gustaríanos poder estimular á lectura de obras referentes como Bailadela da Morte Ditosa, Doentes, As Actas Escuras, Criaturas, Sen ir máis lonxe,Rastros ou Animaliños entre outras.Roberto Vidal Bolaño foi un home de teatro total, pero foi preciso que pasasen 10 anos da súa morte, para que fose recoñecida a importancia incomensurábel do seu labor a prol do teatro profesional galego e do legado literario que nos deixou. No 2013, o ano de Vidal Bolaño, cumpriranse 150 anos da publicación de Cantares Gallegos: un dramaturgo nacional ao carón da poeta nacional.