MÉRCORES 18 DE XULLO, TOMAR A RÚA FRONTE ÁS MEDIDAS DO GOBERNO

MÉRCORES 18 DE XULLO, TOMAR A RÚA FRONTE ÁS MEDIDAS DO GOBERNO

8

A CUT, onda outras organizacións sindicais e sociais, organiza nas cidades de Vigo e Compostela e na vila de Cangas mobilizacións o vindeiro mércores 18, en resposta aos recortes aprobados no Consello de Ministros do pasado venres, ao tempo que facemos un chamado conxunto a “rachar as cadeas do Capital” e a insistir sindical e socialmente na necesidade dunha nova folga xeral.En Vigo, ás 12 horas da mañá ás portas da Xunta de Galiza. En Compostela coa CNT en Praza Galiza ás 20 horas da tarde, coincidindo coa concentración ás portas do Concello en Cangas na mesma hora. Estas son as mobilizacións programadas coas que o sindicalismo combativo quere deixar clara a súa vontade de mobilizarse permanentemente e de non dar nin un só paso atrás fronte ás agresións do Capital.”Estamos fartas e fartos. Pero non nos pode a fartura ou o cansancio. Estamos fartas e fartos de que unha minoría pase por riba de nós co rodillo do seu lucro. A minoría propietaria do Capital, voraz, comprometida en afogar na fame ao pobo traballador enteiro. A cousa está clara, ou eles, ou nós”Ou a súa violencia, os seus recortes de servizos públicos, a súa supresión dos nosos dereitos sociais, a súa maneira de roubarnos os aforros, de secuestrar o futuro dos e das que veñen, a súa suba do IVE, da luz, da auga. O seu berro de “todo para a banca”. A súa maneira de destruír pobos enteiros, de reventar a vida das traballadoras e traballadores condenados como estamos á cadea dos peores traballos nas peores condicións. As súas pensións de miseria, a súa supresión das prestacións de desemprego, a súa condena á miseria e á dependencia para a xente máis moza, para a máis vella. Ou eles coa súa policía e a súa represión, cos seus exércitos e os seus xuíces. Coa súa corrupción e coa súa vontade de prohibirnos a folga. Co seu pacto social, coa súa patronal e coa súa violencia patriarcal. Coa súa eliminación dos convenios e coa redución de salarios. Ou eles condenándonos á máis dramática das miserias sociais para incrementar o seu Capital, para seguir lucrándose co noso traballo infatigábel. Ou eles reventándolle o futuro ás nosas mozas e mozos, aos nosos fillos e fillas e expulsándonos tamén das nosas casas.Ou eles… ou nós. Nós loitando por un reparto do traballo, por un reparto da riqueza. Os traballadores e traballadoras loitando xuntas e xuntos polo noso futuro, sen subvencións, organizadas, sen medo. Nós, coas nosas folgas coas que cambialo todo. Coa coraxe e coa firmeza das que non temos nada por perder e todo por gañar. Coa sinceridade de quen non quere xa máis miseria na sociedade. Das e dos que queremos ser libres, romper as cadeas, facer saltar polos aires este sistema de inxustiza e de dominio. Das e dos que queremos estar na rúa porque a rúa é nosa, de todas e todos. Porque ninguén se vai apropiar xa máis nin parasitar máis o noso traballo. Porque ninguén lle vai dar á clase traballadora leccións de democracia. Porque apostamos pola emancipación das mulleres.­­Nós, porque cremos que é posible un sindicalismo combativo, que defenda os nosos intereses e que non nos venda, fraternal e igualitario, construído por traballadoras e traballadores do común. Coma ti. Coma nós. Nós, defendéndonos con dignidade e contundencia da súa violencia. Nós porque queremos un mundo mellor, e porque somos a maioría e somos quen creamos a riqueza que outros devoran.Non poden connosco, compañeiras e compañeiros. Un sistema social construído para a clase traballadora, ao servizo dos nosos intereses e necesidades, para as nosas fillas e fillos. Baseado na democracia económica radical, na igualdade política e na soberanía dos pobos e dos corpos e na autoorganización. Unha nova sociedade para o apoio mutuo, a xustiza social e ambiental.Ese sistema está a ser construido agora. Mans á obra, pois. Forte. Sen medo!”