CONTRA A MISERIA, SERMOS VISÍBEIS E RENOVAR FOLGOS

CONTRA A MISERIA, SERMOS VISÍBEIS E RENOVAR FOLGOS

7

Na Comarca de Vigo, a Central Unitaria de Traballadores/as vimos de renovar e ampliar a nosa executiva. Incorporando, neste contexto de agresivo retroceso nas nosas condicións de vida, folgos renovados aos que debemos engadir unha implementación nas nosas secretarías. No que tivemos como punto de partida facerlle máis próximo e visible á clase traballadora o compromiso irrenunciable da nosa afiliación co sindicalismo nacional, de clase e combativo. Deste xeito e como primeira medida, lanzamos unha campaña de visibilización e de toma de conciencia arredor da importancia fulcral que ten a nosa continuidade na rúa e a nosa presenza no espazos públicos. Polo que no transcurso de dúas xornadas, organizamos mesas informativas nos barrios de Coia e Teis baixo o lema ” TEMOS QUE SEGUIR NA RÚA”, co gallo de achegármonos ás traballadoras e amosarlles o noso proxecto igualitario, frontista, unitario e afastado de sectarismos. Nesta acción de rúa fixemos fincapé na situación de crise sistémica que estamos a padecer. Por unha banda, insistindo en que o silencio e a inacción é algo que debemos combater para marcar unha fractura coa complicidade que este posicionamento implica. Por outra banda, salientando que non só os dereitos das traballadoras, senón que os dereitos de toda a poboación están a ser atacados dunha maneira programada, ao convertérennos no albo contra o que van dirixidas todas as medidas regresivas en materia laboral e social. Recortes cos que nos están a deixar a maioría social sen cobertura nas necesidades máis básicas, e até hai un lustro irrenunciables no noso imaxinario , como a educación, a sanidade, a negociación colectiva, etc. Feito que provocou, e polo que nos congratulamos, unha resposta favorable. Ao que, para sermos xustos debemos sumar, o interese expresado pola clase traballadora viguesa, que nos deu sobexas mostras de non claudicar na solidariedade e na loita pola defensa da dignidade comunal.