RESCATE BANCARIO: NAUFRAXIO DUN POBO

RESCATE BANCARIO: NAUFRAXIO DUN POBO

8

Percorreron a prensa internacional os retratos de Mariano Rajoy e Angela Merkel ao bordo dun barco polo río Chicago. E as máquinas de producir ilusión, que achican a auga lamacenta do naufraxio da economía española tentando empalar a disidencia, botáronse a roldar para producir colectivamente unha narrativa farragosa na que un heroi calquera, Mariano Rajoy por exemplo, debuxaba sobre a area cos seus dedos de estratega, delicadamente, unha porta de saída á crise, agora ben, consensuada coa Grande Europa. Calquera saída posíbel a esta crise, disque, virá da reconcentración dos esforzos de todo o edificio económico europeo nunha sorte de solidariedade e apoio mutuo transnacional que resulta a cada pouco menos críbel.Pouco tempo despois da nacionalización dunha insoportábel débeda (Bankia), unha das novas máis nefastas para o conxunto dos pobos dos Estado, o rescate financeiro do Reino de España, está a ser transformado logo dunha inxente laboura de maquillaxe retórica nunha “oportunidade” para o conxunto da economía ou mesmo nunha vitoria política da xestión do PP en Madrid.Ora ben, se algo caracteriza aos debuxos na area é que perduran pouco no tempo. Un rescate financeiro, a través da inxección mediata de recursos do Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF) para a consecuente recapitalización da banca, é algo máis do que un prestamo favorábel: supón o endebedamento público do estado como tal e a renuncia expresa ao exercicio de certos ámbitos da soberanía estatal. Eis que tal “rescate”, é elemento suficiente xa, para denunciar que neste momento, o Reino de España está a sofrer unha intervención externa, que se manifestará progesivamente de agora en diante, e que habemos pagar sen dúbida as clases populares. E que máis aínda ha pagar a custe da súa propia supervivencia unha nación deturpada e en quebra como é a galega.Segundo o principio latino da excusatio non petita accusatio manifesta, foron en van os esforzos de De Guindos e outros membros do Goberno de Madrid, entre os que se atopa o mesmo Presidente, por vender (non se sabe se todo este teatro se destina á cidadanía ou aos “mercados”) as bondades dun suposto “empréstimo sen condicións” que as propias institucións Europeas, a través neste caso do vicepresidente da Comisión Europea, non tardaron en desmentir.Ao primeiro, maniféstase con claridade o nulo impacto que esta inxección de capital terá na economía produtiva e na creación do emprego, revelando outra volta que a loita contra o desemprego e pola reactivación da economía produtiva nunca estivo, nin estará, na primeira plana das axendas deste goberno, nin de ningún outro que acepte as ataduras e o taboleiro de xogo do Capital. Ao segundo, abre o panorama dun camiño tortuoso xa non só para a devolución deses recursos, senón para o pago dos xuros cuxa cuantía aínda descoñecemos. Finalmente, as condicións que se opoñen a este empréstimo favorábel aínda non foron postas sobre a mesa. Sen dúbida está por vir un evidente aprofundamento nas políticas de recortes en servizos públicos, dereitos sociais, e dereitos laborais, nas súas catro grandes versións: a destrución dos servizos públicos, o reforzamento dos lazos de explotación e expropiación patriarcal da produción feminina e dos corpos, a reestruturación do mercado laboral abaratando aínda máis a man de obra asalariada, e a reforma estrutural dunha fiscalidade buscando penalizar aínda máis á clase traballadora no seu conxunto.O esgotamento dunha aposta económica, política e social que optou pola desregularización duns recurso acumulados en poucas mans, edificada sobre o sufrimento e a miseria da maioría social traballadora, esta a se facer de cada vez máis evidente. Ben é certo tamén, que a aposta de fondo que esta central sindical comparte, dunha outra sociedade afianzada no reparto igual da riqueza e na redistribución da responsabilidade democrática, ou se queremos, as bases dunha sociedade radicalmente democrática no plano político, social, económico e cultural, aínda  é feble de máis agora. A clase traballadora galega ten por diante a resposanbilidade de explorar todas as marxes posíbeis para defender unha alternativa antagonista ao dominio do Capital sobre o Traballo e ao delirio dunha administración ao servizo da explotación privativa dos recursos.Dunha banda temos que recuperar e ampliar o teito da nosa capacidade de resposta na rúa a toda esta serie de medidas antipopulares, mais isto non resulta abondo. Debemos tamén constituír no noso día a día, e dende agora mesmo, un marco de relacións económicas, políticas, sociais e culturais que lle poidan disputar a hexemonía ao Capital. Eis o traballo máis difícil. Todo empeza agora.