En loita para evitar oitenta novos despedimentos

En loita para evitar oitenta novos despedimentos

10

A Sección Sindical da CUT na CRTVG  propuxo esta mañá na xuntanza do Comité Interempresas a anulación dos códigos OPE asignados arbitrariamente a algúns contratos na TVG. Dos 152 códigos asignados, hai arredor de oitenta que implican o despedimento inmediato dos traballadores e traballadoras que non acaden praza neste mal chamado Proceso Extraordinario de Consolidación de Emprego. Eses códigos son inxustos, arbitrarios e discriminatorios con respecto ao resto de compañeiros que non os teñen. A empresa adxudicounos ao chou e unilateralmente, sen ningún tipo de negociación coa parte social, baseándose nas sentenzas de indefinidade en primeira instancia. Porén, na fase de concurso deste proceso non se lles barema en base a esas sentenzas.

Outro das propostas é a anulación inmediata de todos os códigos dos contratos de Interinidade asociados a OPE. Algúns xa foron declarados nulos ou ilegais nos xulgados, e outros están en proceso de resolución xudicial. Esta sección sindical entende que, de non ser atendida esta proposta de anulación, abrirase unha nova fase de xudicialización masiva na empresa.

A Sección Sindical da CUT na CRTVG entende que é urxente que se convoque unha mesa de negociación entre os representantes da parte social e da empresa para poñer fin a este conflito.

Desde a CUT enviouse unha carta personalizada a todas e todos os traballadores afectados pola inxusta asignación de códigos OPE, para mobilizalos ante o grave conflito laboral que se achega. A xuntanza será o vindeiro luns 21 de maio, ás 15 horas, no local do Comité Interempresas da CRTVG.