10 M. CONTRA O SAQUEO DO ENSINO

10 M. CONTRA O SAQUEO DO ENSINO

7

O pasado 10 de maio, nun exercicio de solidariedade co movemento estudantil que se leva activando decote contra os recortes no ámbito universitario, a CUT reforzou nas rúas o seu compromiso aberto, como central sindical galega e de clase, coa resistencia activa de todos os sectores sociais afectados polas políticas de destrución do común, e mais sobre todo, dos servizos públicos esencias e dos dereitos sociais, que están a ser dinamitados polas forzas activas do neoliberalismo, que coordenan en Europa hoxe e tamén no conxunto do mundo, unha agresión de dimensión global contra as clases traballadoras e as clases populares no seu conxunto.Baixo lendas como “Contra o saqueo do ensino público“, ou “Por un ensino 100% gratuíto, galego e de calidade. Lume ao privado!” as comarcas da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras e a recentemente constituída CUT-Mocidade, tomaron a rúa onda milleiros de estudantes e coa cidadanía inqueda coas políticas antipopulares do goberno español e da Xunta de Galicia, nunha xornada de loita que enceta agora unha dinámica de socialización da loita por este servizo público esencial, conquistado na historia a través da loita activa e consciente da clase traballadora.A CUT valora o éxito desta xornada nacional, que non puido sequera verse esvaído pola constante miopía das centrais sindicais maioritarias que seguen a optar, incomprensibelmente, polo veto e o sectarismo sindical, monopolizando as mobilizacións e excluíndo toda a pluralidade de voces que constitúen unha xa ampla resposta social contra os recortes. Seguimos reclamando, máis unha vez, un exercicio de xenerosidade sindical encamiñado a coordenar os esforzos de todas as organizacións e toda a cidadanía comprometida activamente na defensa dos intereses da clase traballadora e das clases populares. Só a unidade xenerosa, humilde e a coordenación dos nosos esforzos, servirá de panca para tombar ao Capital.A CUT chama a todas as organizacións sindicais do estudantado que estiveron nas rúas (Liga Estudantil, Comités, Agir, Sindicato de Estudantes, Revoluciona a USC), ás asembleas estudantís de base que se espallan polo País (como a de Pedagoxía en Compostela, ou a de Estudantes de Coia en Vigo entre moitas), e tamén a todas aquelas seccións sindicais de traballadoras e traballadores públicos e ás centrais sindicais que como a CIG compartiron esta xornada connosco, a xerarmos sinerxias para entre todas e todos, izarmos a bandeira social da defensa dun ensino público, universal, nacional, gratuíto e ao servizo das clases populares galegas. Un ensino de calidade para todas e todos nós.