OPORTUNISMO DOS SINDICATOS ESPAÑOLISTAS ANTE O 8 DE MARZO

OPORTUNISMO DOS SINDICATOS ESPAÑOLISTAS ANTE O 8 DE MARZO

5

A organización nacional da campaña “11 de marzo: mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!” vén de rexeitar nunha rolda de prensa as convocatorias de mobilización de CCOO e UGT ao consideralas unha invisibilización do traballo das mulleres organizadas.Polo seu interese, reproducimos o comunicado enviado aos medios.

MULLERES GALEGAS EN LOITA DENUNCIA O OPORTUNISMO DOS SINDICATOS ESPAÑOLISTAS

Ao escoitarmos a data 8 de marzo, evocamos unha historia na que máis de cen mulleres arderon en Nova Iorque dentro dunha fábrica téxtil onde as traballadoras estaban encerradas para protestar polas súas condicións laborais.

Sabemos do conmovedor deste relato mais tamén sabemos que o Día Internacional das Mulleres non nace aí, e que hai outro relato que a Historia se resiste a amosar: a marcha de milleiros de traballadoras soviéticas que saíron a rúa un 8 de marzo e emprenderon un camiño colectivo en busca de pan para as súas familias. Elas eran as sustentadoras do tecido social dun país que estalou a raíz desas marchas: elas, as fiadeiras da revolución. Detrás desta historia, agóchase un interese do patriarcado por ocultar unha revolución proletaria e protagonizada por mulleres.

Hai xa case 100 anos desta andaina mais aínda hoxe, os poderes capitalistas que nos gobernan seguen a se inxerir nas nosas vidas, nos nosos corpos, nos nosos espazos e nas nosas loitas. Por iso o 8 de marzo segue a ter valor e segue a ser preciso, porque vivimos nun mundo patriarcal onde nos foi roubado até o recoñecemento da nosa forza transformadora.

Por iso onte, hoxe e sempre estaremos aquí, en pé de guerra, para loitar polo que é noso aínda que os estados capitalistas e hetopatriarcais se empeñen en nos negar.

A nosa voz é a do compromiso firme para coas nosas compañeiras de camiño: as meigas, as guerrilleiras, as tecedoras de noites sen tregua, as mariscadoras, as conserveiras, as labregas, as traballadoras do fogar, as redeiras, as que migran, as que alimentan os nosos corpos, as que os subverten, as que pelexan cada día nas estruturas patriarcais, as que se empeñan en por a linguaxe en feminino, as que fan pan e recollen os acios: as creadoras deste o noso País.

Grazas a elas estamos aquí hoxe, e mentres os nosos dereitos segan a ser negados, aquí seguiremos.

De aí a necesidade desta campaña, dunha reivindicación feminista e colectiva para denunciar a escalada de precariedade á que nos están sometendo os diferentes poderes, cuxa máxima expresión reside na aprobación dunha reforma que lexitima o empresariado a decidir e dispoñer sen corta pisas sobre as nosas condicións laborais, afondando na desigualdade e impedindo o goce dunha vida digna, plena e autónoma.

Increméntase así a nosa explotación, xa que sobre nós seguen a recaer as tarefas do fogar e de coidado de menores, maiores e persoas en situación de dependencia. Traballo invisible que non conta con remuneración nin recoñecemento social algún, imposto pola desigual asignación de roles entre homes e mulleres e que esta crise non fai senón acentuar.

Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias. E agora, unha nova ofensiva patriarcal por parte dos sindicatos españolistas, brazos políticos dos partidos que en ningún caso nos representan, e que deciden invisibilizar o noso traballo roubándonos o dereito das mulleres a expresar as nosas reivindicacións e revalorizar as nosas loitas.

Os sindicatos, que teñen a responsabilidade social de loitar pola xustiza e a igualdade, non fixeron máis que afondar durante anos na división sexual do traballo, perpetuando o patriarcado dos sistemas que nos gobernan.

As compañeiras que loitan dentro dos sindicatos, ben sexa como traballadoras, ben como afiliadas, ben como representantes, levan ás súas costas a inmensa labor de tentar día a día quebrar as estruturas patriarcais sobre as que se cimentan estes organismos. Moitas delas están nesta campaña pelexando polos nosos dereitos, os dereitos de todas as mulleres galegas, construíndo desde a base un camiñar feminista.

Cal é o papel dos sindicatos que decidiron non sumarse a esta campaña? Que lexitimidade teñen as reivindicacións das mulleres dentro das súas organizacións? Cuan prioritaria é a loita das mulleres nestas as súas estruturas?

Desde a organización da campaña nacional do 8 de marzo, queremos amosar a nosa repulsa ás mobilizacións que desde os sindicatos españolistas CC.OO. e UGT se están a convocar para os días 8 e 11 de marzo, invisibilizando con elas o traballo que as mulleres galegas estamos a facer e apropiándose máis unha vez dos nosos espazos e das nosas loitas para facelas súas, nun claro intento de lavar as súas facianas e agochar os seus verdadeiros intereses como brazos dos partidos políticos aos que serven.

Xa que logo, esiximos que nos devolvan o roubado! E lembramos a sociedade galega que desde o mes de novembro diferentes colectivos arrancamos unha campaña por todo o País e na que están enmarcadas case medio centenar de actividades realizadas nos últimos dous meses en diferentes localidades e comarcas.

Estas abarcaron desde palestras, coloquios, accións de rúa, obradoiros a actividades lúdico-festivas como a lectura de poemas, contos e pasa rúas, que van a ter como punto central a realización da manifestación o vindeiro domingo 11 de marzo.

Convidámosvos a participar activamente nesta campaña e a asistir á manifestación nacional do próximo domingo que sairá ás 12 horas da estación de tren de Compostela.

A loita obreira será feminista ou non será!

Viva a loita feminista! Viva a loita das mulleres!