COMEZAN OS RECORTES SALVAXES

COMEZAN OS RECORTES SALVAXES

9

Despois de coñecer hai uns días que Feijoo procedería á redución dos días de asuntos propios, a Conselleira de Facenda tivo a cara de anunciar que para aforrar 80 millóns de euros a Xunta aplicará, se non o evitamos, unha chea de medidas inaceptables ás que só cabe responder desde a unidade de acción de todas as forzas sindicais, Comités de Empresa e Xuntas de Persoal, e coa mobilización que se merecen.
 
As medidas anunciadas afectarán a todo o persoal de todas as administracións excepto as entidades integrantes do sistema universitario de Galicia.A Conselleira de facenda, exerceu, este venres, de portavoz do goberno da xunta facendo público o primeiro “paquete” de medidas que o PP vai aplicar na Administración Pública de Galicia (dixo, tamén, que detrás deste virán máis). As medidas contempladas  afectarán a toda a Administración e, pola súa gravidade e radicalidade non podemos deixalas sen  unha contundente resposta.
 
Coa finalidade de aforrar uns 80 millóns de euros, a Xunta de Galicia proponse reducir de forma obrigatoria un terzo da xornada e, polo tanto, do salario, aos traballadores/as interinos e contratados, eliminar o cobro do 100% de salario en todas as baixas por debaixo dos 21 días (salvo que se trate de enfermidade profesional, maternidade ou accidente laboral), establece a obrigatoriedade de traballar 37 horas e media á semana, elimina os fondos de acción social.Resumo das medidas: 

 

  • Suspensión do complemento do 100% de IT ata o día 21. Excepción para as IT por accidente ou enfermidade laboral e maternidade.

 

  • Suspensión do Fondo de acción social exceptuando as axudas á discapacidade.

 

  • Rebaixa dos días por asuntos propios de 9 a 6, os que determina o EBEP.

 

  • Suspensión temporal do complemento de ex altos cargos.

 

  • Regulación da xornada laboral implantando as 37 ½ horas.

 

  • O persoal laboral e funcionario fixo poderán reducir 1/3 a súa xornada voluntariamente.

 

  • Permítese a redución, coa correspondente rebaixa salarial, de até 1/3 a xornada laboral do persoal eventual e interino, laboral e funcionario.

 

  • Suspensión, de xeito unilateral, de varios artigos do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta.

  
Avisamos, de xeito reiterado, de que unha vez establecidas medidas semellantes noutras nacións e comunidades do Estado, máis tarde ou máis cedo acabarían aplicándose no noso territorio. Coa escusa da crise estase a realizar o maior ataque da historia contra a Administración Pública e os seus traballadores e traballadoras, afectando significativamente á prestación de servizos esenciais á cidadanía.
 
De chegar a se aplicar (se non facemos nada a súa aplicación será inminente), este paquete de  medidas serán o ataque máis grave aos empregados públicos non respectando ningún dos dereitos adquiridos tanto económicos, laborais como sociais facendo dos traballadores e trabaslladoras da administración pública os que, unha vez máis, paguemos o custo da crise.
 
E este, se non lle facemos fronte, non será o último “recorte” que quere facernos a Xunta, ao anunciar, tamén, que estas non serán as últimas medidas que tomará.
 
A este grave ataque temos que responder desde todos os ámbitos, cada administración debe desenvolver a súa propia dinámica mobilizadora para confluír actuacións a nivel local e nacional.
 
A mobilización xa non é unha posibilidade, é unha obriga!
 
Si nos declaran a guerra, haberá guerra!.