Solidariedade fronte ao acoso policial a poboación migrante

Solidariedade fronte ao acoso policial a poboación migrante

11

Desde a Central Unitaria de Traballadoras/es transmitimos a nosa repulsa ao racismo institucional que se agocha baixo as redadas policiais ás persoas migrantes que se adican á venta ambulante. Consideramos que agresións como a do pasado sábado 17 na cidade da Coruña deben espertar a resposta solidaria propia da clase traballadora. Consecuentemente, chamamos a apoiar e dar difusión á mobilización que terá lugar este xoves 29 de decembro ás 20 horas, convocada pola Asociación Sen Papeis e o Foro Galego de Inmigración.


Por desgraza, vén sendo norma a actuación desproporcionada das institucións represivas cos e coas migrantes, nesta época do ano e nas zonas comerciais das principais vilas galegas. O novo episodio desta inxustificable agresión, que o é tamén aos dereitos do conxunto das e dos traballadores, aconteceu o pasado sábado 17 de decembro cando axentes policiais de paisano procederon a deter a un dos vendedores ambulantes, segundo testemuñas, valéndose da forza e cunha actitude intimidatoria.

Á marxe da manifesta ilegalidade do procedemento, na CUT entendemos que a análise simplista que focaliza a cuestión nos supostos danos ao pequeno comercio, non é máis que un xeito de división da clase traballadora. Os “manteiros” ou “sen papeis” están a sufrir a crise sistémica coma o resto dos obreiros e obreiras, incluídos os pequenos comerciantes. Atacar a súa forma de subsistencia económica reflexa unha violencia inherente ás nosas institucións que debemos responder con unidade e intelixencia.

Como central sindical que procura desenvolver un programa propio e independente no campo da inmigración, fóra da cultura excluínte das grandes siglas, damos o noso apoio á mobilización deste xoves e parabenizamos á Asociación Sen Papeis, agardando que a súa loita, que sentimos nosa, continúe a medrar nos videiros tempos.