GALICIA, O PARO QUE NON CESA

GALICIA, O PARO QUE NON CESA

9

En termos relativos, a suba do desemprego en Galicia é a terceira maior, pois o incremento galego é do 4,66% (por detrás unicamente do 11,96% de Baleares e o 5,15% de La Rioja), segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Inmigración.
 
En todo o Estado, o número de desempregados marcou un novo récord histórico en novembro ao situarse en 4.420.462 persoas, tras subir no mes en 59.536 desempregados (un 1,37). Trátase do terceiro maior repunte experimentado polo paro nun mes de novembro dende 1996, cando arranca a serie histórica comparable. En concreto, o peor novembro da serie foi o de 2008, cando o desemprego creceu en 171.243 persoas, seguido do de 2009, no que 60.593 persoas quedaron sen emprego.
 
En Galicia, o total de parados situouse o pasado mes en 253.416 persoas, tras rexistrar un aumento do 9,36% no último ano, o que supón que se anotaron nas listas de desempregados 21.695 persoas máis. Neste caso, a galega é a sexta comunidade na que máis crece en número de parados, aínda que na comparación relativa é a oitava.
 
O desemprego creceu máis entre os homes que entre as mulleres en novembro, ao subir un 5,99% no primeiro caso e un 3,46% no segundo. Non obstante, o paro feminino segue superando, con 132.776 desempregadas, o masculino, con 120.640 desempregados, en termos absolutos.
Ademais, o paro entre os menores de 25 anos tamén se incrementou, un 7,81%, en novembro, ata alcanzar as 21.768 persoas. Delas, 12.028 son homes e 9.740 son mulleres, de acordo cos datos do ministerio.

OS SERVIZOS, OS QUE MAIS PARADOS SUMAN
 
O sector dos servizos situouse un mes máis como o que suma un maior número de parados, ao incrementarse en 5.785 e alcanzar un total de 137.811. Na construción anotáronse en novembro 2.347 persoas máis, o que deixa a cifra global en 41.843; mentres que na industria se incrementa en 1.692 a lista de parados, ata os 38.759.
 
Pola súa banda, 533 persoas engrosan as listas na agricultura (son 6.977 en conxunto) e o colectivo sen emprego anterior suma 917 persoas e sitúase en 28.026.
 
PONTEVEDRA SUPERA OS 100.000 PARADOS
 
Por provincias, o maior ascenso corresponde en novembro a Lugo, que sobe un 7% as súas listas do paro, ao terse anotado 1.637 persoas máis (o total sobe ata os 25.021 parados). Ségueo Ourense, cun 6,98% e 1.832 persoas máis (en total son 28.069). Na Coruña o ascenso é do 4,06% (súmanse 3.873 persoas e alcanzan as 99.344) e en Pontevedra crece un 4,05% (3.932 parados máis, ata os 100.982).
 
Na comparación interanual, o maior incremento é o da provincia pontevedresa, cun 11,03%; por diante do 8,52% da Coruña; o 8,49% de Lugo e o 7,29% de Ourense.
 
CONTRATOS
 
En Galicia asináronse 50.400 contratos en novembro, o que supón un descenso de 6.729 (un 11,78% menos) que o mes anterior. Se se compara cos datos do mesmo mes do ano pasado, a caída é do 7,73%, ao rexistrarse 4.220 contratos menos.
 
O 92,7% dos contratos asinados son de carácter temporal (46.719) e o resto corresponden a algún dos tipos de indefinido.