FRONTE AO DESMANTELAMENTO CULTURAL

FRONTE AO DESMANTELAMENTO CULTURAL

5

O sector das Artes Escénicas está a levar a cabo unha serie de mobilizacións en resposta ao desmantelamento cultural que está a padecer o país, por inacción dos seus responsabeis políticos: a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), a Consellería de Cultura e Xunta de Galicia. Por medio dun comunicado que está sendo apoiado por outros colectivos do eido da cultura, denuncian a falta de proxectos e plans de futuro para unha actividade, a escénica, que non só afecta directamente aos centos de traballadores e traballadoras que a desenvolven; atinxe tamén á cidadanía galega (o público) para a que traballan, que paso a paso ve como cultura galega fica marxinada, ao tempo que se deseñan e apoian políticas culturais ás que só terán acceso ás elites. Todo o contrario á democracia.Desde a CUT amosamos a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros e, a seguir, reproducimos o seu comunicado.COMUNICADO DO SECTOR DAS ARTES ESCÉNICAS A Cultura do noso país está a sufrir unha dobre crise. Á crise económica xeral súmase a da política sen proxecto nin plans de futuro, de improvisación e desidia, de mala xestión e ineficacia administrativa dos responsables da AGADIC, da Consellería de Cultura e da Xunta de Galicia.No sector das Artes Escénicas aprovéitase a coartada da crise económica e do enorme lastre da Cidade da Cultura para meter as tesouras aplicando recortes porcentualmente desproporcionados aos que se engade o incumprimento de acordos, compromisos e orzamentos previamente publicados.As Artes Escénicas precisan da axuda pública que devolve como un servizo ao público. O público galego ten o dereito a gozar dos espectáculos producidos no noso país. Lonxe de velar polo desenvolvemento, promoción e difusión das Artes Escénicas de Galicia, o goberno actual está disposto a desmantelar o tecido creado nas últimas décadas. O uso e fomento da lingua galega está freado por decretos como o do plurilinguismo, a nova proposición de lei que cuestiona á CRTVG como servizo público, a falta de apoio e de axudas ao asociacionismo e á cultura de base e a priorización de proxectos alleos nun alarde de cosmopaletismo que coloca a nosa práctica escénica en condicións de marxinalidade. Abdicar dos principios básicos da nosa identidade é atacar os alicerces da nosa cultura. Semella que temos o inimigo na propia casa.A morosidade no pagamento das facturas ás empresas do ámbito escénico que acumulan atrasos superiores aos seis meses, a demora na publicación no DOG da resolución das axudas á produción, distribución, continuidade escénica, ás Salas de Teatro e compañías residentes e a hipoteca dos orzamentos de 2011 con cargo ao ano seguinte, asfixian ao noso colectivo e impiden a mínima viabilidade económica do sector.Por todo isto queremos alertar diante da gravísima situación na que nos atopamos que se pon en risco de subsistencia o traballo de centenares de profesionais das Artes Escénicas: actores, directores, titiriteiros, magos, bailaríns, artistas de circo, técnicos, produtores, dramaturgos, escénografos, figurinistas, iluminadores, atrezistas, músicos, responsabeis das salas, etc. Están en risco de desaparición as compañías de teatro, as Salas e os Festivais das Artes Escénicas, as empresas de servizos técnicos e loxística espectacular. Está na beira do abismo o sector das industrias culturais de Galicia que segundo os informes da propia AGADIC constitúe o 2% do PIB.Esiximos medidas urxentes para paliar a dobre crise na que estamos mergullados. Esiximos o pagamento inmediato das facturas pendentes, a publicación urxente da resolución de axudas e o cumprimento do orzamento do ano 2011 por parte dos responsables de AGADIC e da Consellería de Cultura e, no seu defecto, a súa dimisión. Esiximos o respecto polo exercicio do noso traballo e pola dignidade do público e da cultura galega. Asinado:ESCENA GALEGA Asociación Galega de Empresas de Artes EscénicasAAAG, Asociación de Actores e Actrices de GaliciaASILGA, Asociación de Ilusionistas de GaliciaAGAG, Asociación Galega de GuionistasMPG, Magos Profesionais de GaliciaFECIGA, Federación de Cine Clubes de GaliciaAFEARTE, Asociacion de Festivais das Artes Escénicas