A LIMPEZA HOSPITALARIA ENDURECE AS PROTESTAS

A LIMPEZA HOSPITALARIA ENDURECE AS PROTESTAS

6

As compañeiras e compañeiros da limpeza hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), concentráronse ao longo desta semana contra as condicións baixo as que se convoca o novo concurso público para o outorgamento da contrata, a través do cal unha empresa privada xestionará con carácter delegado o servizo público de limpeza dos hospitais composteláns. A empresa saínte CLECE SA, que tamén concursa neste ocasión, detenta unha débeda de milleiros de euros coas traballadoras e traballadores dos centros hospitalarios logo de que decidise unilateralmente suspender os pagos da “carreira profesional” e polo tanto das cantidades asignadas a este concepto recoñecido por sentenza xudicial para o conxunto do plantel. Esta decisión, que xerou un conflito que se arrastra dende o impago ante o silencio absolutamente cómplice e irresponsábel do SERGAS (empresa principal con obrigas na garantía do conxunto de dereitos laborais), parece que ven agora referendada polo Servizo Galego de Saúde que vén de degradar nesta convocatoria en máis de 600.000€ o prezo da contrata, o que vai implicar necesariamente diferentes recortes de dereitos salariais e sociais, amais de blindar os que xa esta empresa fixo, que as compañeiras e compañeiros do servizo non está dispostas a asumir. O SERGAS está a seguir unha estratexia de contención do gasto público que ten como principio a vulneración activa dos dereitos colectivos do traballo, ofrecendo ademais a posibilidade de que as empresas fagan as súas ofertas só para un dos cinco centros hospitalarios, tentando quebrar a capacidade de resposta sindical que lles dá ao plantel a contrata como centro único e un servizo de limpeza hospitalario unitario para todos os centros. Outra das consecuencias directas desta degradación será a posta en risco do servizo de limpeza hospitalaria, e polo tanto da hixiene hospitalaria, na que decote se está a recortar persoal, coas consecuencias que isto terá a curto prazo para as usuarias e usuarios do servizo de saúde. Entre o luns e o martes as traballadoras e traballadores celebraron as asembleas xerais para decidir o futuro das mobilizacións. Polo de agora a aposta das compañeiras e compañeiros é o endurecemento das medidas de resposta obreira, cun programa que se dará a coñecer publicamente nos vindeiros días. A loita na limpeza hospitalaria continúa!