A CUT ENSINO CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS

A CUT ENSINO CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS

11

O pasado 9 de setembro máis 10000 persoas percorreron as rúas de Compostela en defensa da ESCOLA PÚBLICA. Non só docentes, toda a comunidade escolar reacciona contra as políticas aniquiladoras da Xunta de Galicia. Non defendemos ningún privilexio, como demagoxicamente repiten aqueles que se dedican a emporcallar a imaxe do profesorado. Claro, non son os profesores e mestres dos seus fillos.

Defendemos un ensino público e de calidade, non de beneficencia. O aumento da carga lectiva coa implícita supresión de profesorado; o continuo peche de unitarias, liñas de infantil, itinerarios curriculares na ESO e no Bacharelato; o desmantelamento dos reforzos, desdobres e demais medidas compensatorias para o alumnado con dificultades; as agresións ao noso idioma e a regresión do seu uso nas aulas; o continuo desvío de fondos en distintos programas para as escolas concertado-privadas. Estes, e non outros, son os motivos da contestación que medra e medra ante as agresións continuas ao ensino público.

A CUT mobilizouse o pasado 9 de setembro, e celebra a unidades sindical desta protesta. Apoiamos, como non pode ser doutro xeito, as folgas do 21 e 27 se setembro.

Mais na CUT pensamos que cómpre ir máis alá e non pararmos nestas folgas puntuais que só expresan o noso malestar. Urxe un PARO INDEFINIDO, non só do profesorado, senón que conte tamén con toda a comunidade educativa. Un paro activo que vaia moito máis alá de quedar na casa: chamamos á ocupación física do espazo educativo público, ao PECHE en cada centro do profesorado e dos sectores máis conscientes da comunidade escolar: pais e nais, persoal non docente, deben ser tamén protagonistas no combate para garantir os mínimos dos dereitos sociais.

POR UNHA ESCOLA PÚBLICA E DE CALIDADE. NON AOS RECORTES EN EDUCACIÓN.

 

FOLGA INDEFINIDA XA!