A CUT MOBILIZARASE CONTRA OS RECORTES NO ENSINO PÚBLICO

A CUT MOBILIZARASE CONTRA OS RECORTES NO ENSINO PÚBLICO

5

No contexto de desmantelamento dos servizos públicos que estamos a vivir, a Consellería de Educación comeza o novo curso académico cun plano de recortes sumamente agresivo que debe contar cunha resposta masiva de toda a comunidade educativa afectada, comezando polo apoio á manifestación unitaria de Compostela do vindeiro venres 9 de setembro. O incremento do horario lectivo do profesorado, aprobado a finais do pasado curso, foi vendido como un aumento de atención ao alumnado agochando o verdadeiro interese: o recorte do número de docentes nos centros. Así quedaría demostrado cando, no mes de xullo, a presentación das modificacións do catálogo dos cadros de persoal no corpo dos mestres, materializaba á supresión de 161 postos de traballo. Mais, por se aínda ficase algunha dúbida da natureza da ofensiva ultraliberal, o pasado 19 de agosto, a Consellería anunciaba o incremento de 9 unidades concertadas máis con centros privados, no que viña supor un insulto á intelixencia de todas e todos, que debería aguilloar á clase traballadora galega. Cómpre entender que nos atopamos nun momento decisivo no que a pasividade e conformismo traerán un modelo de ensino elitista que afondará nas desigualdades sociais e deixará sen futuro ao pobo traballador. Por todo isto, a CUT estará o vindeiro venres 9 de setembro na manifestación unitaria que arrancará ás 11:30 da Alameda compostelá e participará activamente nas folgas xerais dos días 21 e 27 no ensino público non universitario. Cremos que é tempo de respostar masiva e unitariamente á vaga privatizadora e en defensa dun ensino laico, público e en galego.