O NAVAL SOMOS TODOS E TODAS

O NAVAL SOMOS TODOS E TODAS

12

O modelo produtivo elixido polo capital, os políticos (de todas as cores) e a patronal meteu ao sector naval nas pedras. Agora pretenden facernos crer que o problema é do finanzamento, sacaron da chisteira o tax leasse coma menciña que pode arranxalo todo, falan del agora que lle quitan esas deducións fiscais; non o mencionaban cando negociaban os convenios. Máis ala das análises que faga cada quen, máis ala da autocrítica necesaria que todas as organizacións debemos facer para analizar o contexto ao que chegamos, está ben claro que a situación é tremendamente crítica, de feito só hai dúas alternativas: ou conseguimos entre todos e todas unha combulsión social en apoio do sector, ou pechan as portas. Non é o momento de preguntarnos porque non se mobilizou ao sector cando miles de compañeiras e compañeiros perderon os seus postos de traballo nos últimos anos, non é o tempo de pasar facturas aos responsábeis desta desmobilización. Agora estamos no tempo de acumular forzas e salvar o sector, e non só para defender os postos de traballo que subsisten, senón para que o sector sexa quen de volver a dar traballo aos e as que están na casa, eliminando os impedimentos de acceso ós estaleiros. Debemos pelexar para salvar o futuro de todos e todas, non para salvar a miseria que queda. Debemos forzar aos políticos e á patronal a que cambien o modelo produtivo de xeito que se reparta o traballo e se remate coa precariedade e coas subcontratas escravistas. Esta é a liña que defende a CUT. Dende a nosa central defendemos a unidade sindical en base a acordos xerais que deixen de lado as diferenzas lóxicas nas análises. Defendemos a recuperación das asembleas como ferramenta de debate e mobilización, defendemos a implicación de toda a sociedade porque o problema máis alá dos asteleiros, xogámonos o futuro dos nosos fillos, o futuro do país. Na CUT non queremos un futuro de emigración e miseria. Pero ollo!, cando desde a CUT falamos de acumular forzas ou falamos de mobilización, dicímolo desde unha perspectiva sindical de clase. Primeiro os traballadores do naval, logo a incorporación de todo metal, e logo os demáis sectores obreiros. A partir de aí que se sume quen sexa. A CUT o que non vai apoiar é un mascarada onde na pancarta vaian do brazo as víctimas e os verdugos. Non apoiaremos unha mascarada politiqueira para lavarlle a cara ós verdadeiros culpabeis desta situación. Neste camiño de unidade sindical xa celebramos dúas xuntanzas con sindicatos maioritarios: o 18 de xullo xuntámonos coa CIG na súa sede, en concreto con Antolín Alcántara e con Manolo Simón; e o 26 do mesmo mes coa UGT, tamén na súa sede, con D. Atanes, Comesaña e Castelaín, despois de ter comunicado a estas centrais o noso desexo de manter xuntanzas para analizar a situación, comunicación que tamén foi dirixida a CCOO (fax, teléfono…) sen ter resposta pola súa parte. Nas devanditas xuntanzas trasladamos a nosa análise e a nosa vontade de traballar arreo e na mesma dirección, e seguimos mantendo esta postura tamén para CCOO. Na súa man está pular pola necesaria unidade en pe de igualdade, con xenerosidade e sen dobres xogos, aínda sabendo a representación de cada quen. Nesta batalla sumamos todos, grandes e pequenos. Sobre a mesa estaba a posibilidade de convocar unha Folga Xeral comarcal para o mes de setembro como primeiro paso mobilizador. A CUT secundaría esta convocatoria pero advertindo que só será válida se hai un traballo previo asembleario e conxunto, un traballo que lle dea credibilidade e contundencia. Que ninguén conte con nós para desfiles que xustifiquen unha morte anunciada. Pasou o mes de agosto e comezou a andar o mes de setembro, e ninguén chamou a CUT para falar, para artellar, para construir a unidade sindical asemblearia. Obviamente sen un traballo previo, entregado por parte dos sindicatos non haberá Folga. So é posible esta, se somos capaces de que a masa traballadora volva a crer na loita.