GALICIA CONDEADA EN ESPAÑA

GALICIA CONDEADA EN ESPAÑA

6

              SECTORES
 
O informe de 2010 reflicte que a dinámica do sector agrario galego foi positiva, cun incremento da produción agregada do 3 por cento, debida exclusivamente ao avance da produción vexetal, que contrasta co estancamento da actividade gandeira. Deste xeito, en Galicia, a deterioración dos ingresos dos agricultores en 2008 e 2009 deixou paso en 2010 a unha recuperación dun 7,8 por cento na renda agregada do sector, que se viu acompañada por unha caída na man de obra empregada nas ramas agrarias.
 
Nas actividades de pesca, en 2010 continuou a crise permanente que, segundo destaca o informe, vive o sector, caracterizada pola progresiva redución das posibilidades de pesca e pola caída das marxes comerciais, que reduciron a capacidade da flota galega nun 10 por cento.
 
Así mesmo, a actividade industrial na comunidade quedou estancada o ano pasado ante unha caída do 0,5 por cento que levou á destrución de 22.450 empregos no sector secundario. O estudo sinala que foi un ano “especialmente complicado” para a construción naval, contraéndose as postas de quilla un 75 por cento e as botaduras un 38 por cento respecto ao exercicio anterior.
 
Pero, a pesar de todo, Galicia seguiu á cabeza do estado neste sector e a actividade dos estaleiros vigueses Barreiras e Armoón concentraron un 27 por cento da actividade construtora no conxunto do Estado.
 
CONSTRUCIÓN
 
Polo seu lado, ao que igual que no resto de España, o sector construtor continuou en crise durante 2010, cunha caída do valor da produción do 5,8 por cento, a pesar de que o sector segue representando un 10 por cento do PIB galego e un 9,6 por cento do emprego directo.
 
Os inicios de obra nova foron 4.118, o mínimo rexistro da serie histórica, o número de vivendas acabadas ascenderon a 20.130, o que supón un descenso anual do 22 por cento e asináronse 605.172 hipotecas, un 2,8 por cento menos.
 
Preguntado sobre este sector, Aureliano García, colaborador do informe, recalcou que “non se pode dicir que vaia a volver un novo boom inmobiliario, pero a curto prazo é difícil”.
 
Por contra, o sector servizos avanzou un 0,7 por cento en Galicia en 2010. En concreto, resaltaron que a actividade turística estivo marcada polo Xacobeo na comunidade, que favoreceu que se convertese na terceira comunidade autónoma na que máis se incrementou a recepción de turistas nacionais.
 
O número de viaxeiros chegados aos aeroportos galegos subiu un 6,1 por cento respecto de 2009, con 4,3 millóns de pasaxeiros. En canto ao tránsito de cruceiros, o porto de Vigo ocupa unha posición destacada, concentran o 75 por cento do total de pasaxeiros e o 59 por cento dos buques atracados na comunidade.
 
INNOVACIÓN
 
Con todo, os expertos advertiron de que en materia de innovación, Galicia inviste en I+D un 0,96 por cento do seu PIB, fronte ao 1,04 por cento de 2008– e é a sexta comunidade que menos destina neste ámbito situándose por baixo da media española, que é do 1,35 por cento.
 
Os datos seguen reflectindo unha situación económica na que, coma sempre, a maior carga segue a depositarse nos lombos dos traballadores e traballadoras. A realidade plásmase nestas estatísticas e a previsión é que vaia a peor, se non reaccionamos seguiremos soportando todos os custos dunha crise creada por especuladores sen escrúpulos que serán, en definitiva, os beneficiarios da saída que se lle está a dar.