SALVEMOS O SECTOR NAVAL, DEFENDAMOS OS NOSOS DEREITOS

SALVEMOS O SECTOR NAVAL, DEFENDAMOS OS NOSOS DEREITOS

8

Desde fai máis de dous anos a CUT ven alertando ós traballadores do Sector Naval sobre o que se nos viña enriba. Aquela preocupación hoxe é realidade: o desmantelamento encuberto e unha segunda reconversión solapada do noso Sector Naval. É máis, cando a Folga polo Convenio Colectivo no ano 2009, cando demandábamos unha Folga Xeral Nacional, non era unha bravata gratuíta, faciámolo no convencemento de enfrontar de verdade, non so o pulso patronal e gobernamental, senón que tamén nunha perspectiva estratéxica do que hoxe estamos a sufrir. Cando fai ano e medio, instamos aos sindicatos maioritarios a organizarse e coordinarse unitariamente para a defensa dos postos de traballo, para rexeitar os EREs, fronte os abusos patronais, etc., .algúns chamáronnos alarmistas, seica para eles, a situación do naval so era un baixón conxuntural. Mira por onde! Non é a nosa intención restrelarllo pola cara a ninguén, pero si, ser pedagóxicos a hora de facer historia das cousas, para poder entendelas e sobre todo poder enfrontalas. Xa vemos no intre en que estamos e como está o Sector Naval, incluso como agora si parece que algúns queren reaccionar, non sabemos se por petición dos estaleiros para presionar ao goberno do estado español e a Europa, ou por posicións de clase, para defender intereses e dereitos dos traballadores e non de outros. Tal como están as cousas no Sector Naval agora mesmo para os traballadores; sexan en activo, afectados polos EREs, ou no desemprego, todos os sindicatos, tanto maioritarios, coma minoritarios deberíamos artellar unha estratexia conxunta con amplitude de miras e sen sectarismos para aumentar a correlación de forzas é  así organizar mobilizacións na que se integren diferentes e amplos sectores sociais de todo país. Esta é unha necesidade urxente. A situación é insostible, xa non só pola grave situación que atravesa o sector, senón tamén porque os compañeiros e compañeiras que agora mesmo están traballando nos estaleiros, fano sufrindo a mais grave das precariedades (incumprimentos de convenio, xornadas de 12h., ameazas, impago de salarios,…). Todos sabemos que a única maneira de enfrontar estas situacións é “co de sempre compañeiros”, e así rematar coas ameazas, coaccións e abusos da patronal. Non é con mesas de dialogo social nin mesas do naval nin ghaitas!!, senón coa mobilización dos traballadores, con unidade asemblearia e con obxectivos concretos, non con obxectivos en abstracto. Polo tanto, a CUT como sempre, estivo e estará na disposición de sentarse con quen sexa para artellar estratexias conxuntas e defender os intereses da clase traballadora, xa que o momento de crise capitalista non só golpea ao naval senón que o fai a todos os sectores estratéxicos do noso pais. O naval debería ser o catalizador para entrar nunha dinámica mobilizadora permanente de; asembleas, manifestacións, folgas,… So así, os traballadores seremos capaces de modificar a realidade das cousas e así reverter esta situación cada vez mais insufrible de Reformas laborais, Reforma das pensións, deslocalizacions das empresas, ERE´s, peches patronais, despedimentos disciplinarios,etc. Dende a CUT facemos un chamamento a todos os traballadores/as a implicarse nas asembleas, mobilizacións e nas diferentes iniciativas que se organicen dende a unidade asemblearia da clase traballadora e non dende os grandes despachos.

ORGANIZACIÓN, UNIDADE  E  LOITA !!!!

NON  A  RECONVERSIÓN  E  DESTRUCIÓN  DO  SECTOR   NAVAL !

 MOBILIZACIÓN   PERMANENTE !!!

Vigo, xullo de 2011.