O COMITÉ INTEREMPRESAS DENUNCIA REPRESIÓNS NA CRTVG

O COMITÉ INTEREMPRESAS DENUNCIA REPRESIÓNS NA CRTVG

13

 A empresa pretende sancionar cunha suspensión de emprego e soldo de 45 días a tres traballadores por unha suposta deslealdadeA Dirección de Recursos Humanos da CRTVG propón sancionar con 45 días de suspensión de emprego e soldo aos tres traballadores e traballadoras responsables das delegacións da TVG de Vigo, Pontevedra e Lugo aos que hai unhas semanas acusou de cometer unha falta moi grave de deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas.A suposta deslealdade na que incorriron os traballadores expedientados foi redactar uns documentos que foron empregados en diversos xuízos en defensa dos compañeiros e compañeiras que foron trasladados ou despedidos tras o peche das delegacións de Ferrol, Pontevedra, Burela, Porto e Bruxelas que se produciu o 30 de novembro pasado.Nesa data, a CRTVG rescindiu os contratos coas produtoras privadas que xestionaban as súas delegacións con relacións laborais baseadas na cesión ilegal de traballadores, como así está a recoñecer desde o ano 2006 a xustiza en distintas sentenzas. O peche destas delegacións, que non se comunicou previamente á representación sindical, provocou 47 despedimentos e máis de 30 traslados, algúns deles tamén recorridos nos tribunais. Precisamente, o mesmo día no que a empresa lles comunicaba aos traballadores expedientados a súa proposta de sanción, un xulgado do social de Pontevedra recoñecía a nulidade do despedimento de dous empregados afectados polo peche da delegación desa cidade. A xustiza tamén declarou nulo o despedimento do delegado da TVG en Bruxelas e dunha redactora contratada irregularmente a través dunha terceira empresa na delegación da Coruña.Estes traballadores foron expedientados por describir a realidade do cadro de persoal nas delegacións antes e despois do 30 de novembro, así como os traslados que sofriron varios traballadores por mor da supresión das delegacións.O Comité da CRTVG, TVG e RTG denuncia o grave conflito xerado na empresa por mor da apertura destes expedientes disciplinarios. A representación sindical solicita o sobreseemento inmediato dos devanditos expedientes porque considera intorelable que nunha compañía de titularidade pública, na que deben rexer, aínda máis se cadra, os principios de legalidade e transparencia, a dirección de Recursos Humanos pretenda argumentar unha deslealdade por relatar a realidade duns centros de traballo que funcionaban con traballadores e traballadoras sometidos a tráfico prohibido polo Estatuto de Traballadores, como demostran os reiterados pronunciamentos xudiciais.Para o Comité, o único obxectivo destas sancións é atemorizar ao conxunto do cadro de persoal para que se desmobilice á hora de utilizar o seu dereito fundamental de acodir á tutela xudicial para defender un interese lexítimo ou a participar como testemuñas nas vistas, xusto no momento no que a CRTVG se enfronta á resolución de ducias de demandas por fraudulencia na contratación.