A CUT FRENTE AO CONVENIO DA OIT DO EMPREGO NO FOGAR

A CUT FRENTE AO CONVENIO DA OIT DO EMPREGO NO FOGAR

16

Na súa última Conferencia Internacional do Traballo en Xenebra, a OIT vén de aprobar un Convenio[1] e unha Recomendación[2] que recollen normas laborais internacionais destinadas a mellorar as condicións de vida das traballadoras do fogar. Os Estados membros dispoñen dun ano para debater e ratificar ou non este marco laboral que pretende acadar unha armonización básica de dereitos. A aplicación por parte do Estado español do Convenio requerirá realizar os seguintes cambios legais principais no réxime laboral e de seguridade social do sector:

  1. Recoñecemento do dereito das traballadoras domésticas a seren informadas, de manera clara, sobre os termos e condicións do seu emprego, é dicir, especificación das tarefas que deben realizar, número de horas de traballo e descansos semanais e mensuais. Asimesmo, dereito á especificación clara e por escrito do desconto específico da retribución en especie -parte correspondente a retribución en concepto de aloxamento e manutención- e do seu correspondente valor pecuniario. (Artigo 7)
  2. Contabilización como horas de traballo dos períodos nos que as traballadoras permanecen sen ningunha tarefa concreta mais a disposición da persoa empregadora. (Artigo 10.3)
  3. Adopción de medidas eficaces para garantir o cumprimento da lexislación protectora de quenes se adican ao emprego doméstico. (Artigo 17).
  4. Garantía de condicións “non menos favorables” que as do resto de traballadoras na protección da Seguridade Social. (Artigo 14).

  A Recomendación, pola súa banda, non é de obrigado cumprimento e é aquí onde se introducen dereitos como as compensacións económicas para a nocturnidade, o rexistro exacto das horas extraordinarias, a protección dos salarios por insolvencia da persoa empregadora, a formación e implementación de políticas no eido da seguridade e sáude laboral, a recompilación censal exhaustiva das traballadoras do fogar ou as medidas adicionais para a protección das traballadoras migrantes. Todos os dereitos recollidos nestes marcos legais (en especial no Convenio) aparecen moderados co obxectivo de reducir o impacto e flexibilizar a aplicación, como a propia Directora do Programa sobre as condicións de traballo e emprego da OIT, Manuela Tomei, recoñeceu na presentación pública do Convenio[3]. Sirva de exemplo o Artigo 14 onde se recolle á protección da Seguridade Social no primeiro punto para ser matizado no segundo: “as medidas ás que se fai referencia no parágrafo anterior poderán aplicarse progresivamente, en consulta coas organizacións máis representativas dos empregadores e dos traballadores”. Desde a CUT parabenizamos ás agrupacións de traballadoras do fogar, pois entendemos que este tipo de acordos son froito da súa labor de reivindicación e sensibilización social constante. Porén, non podemos ver con satisfacción a aprobación dunhas recomendacións legais ambiguas e baleiras en exceso de implementación práctica. A OIT é un órgano auxiliar das políticas do FMI e do Banco Mundial que en nada representa os intereses da clase traballadora. Desde a nosa Central demandamos a integración das traballadoras do fogar cos mesmos dereitos no Réxime Xeral da Seguridade Social, sen matices e, despois de 25 anos de espera, sen “converxencias progresivas”. Con dereito a alta desde a primeira hora traballada, desemprego, igualdade no cobro da pensión e da cobertura por baixa laboral. Apostamos pola aprobación dun convenio colectivo específico que regule, por riba da lexislación laboral básica, cuestións específicas como o traballo nocturno, a internidade, os períodos de disposición e o coidado de persoas dependentes. Ao estarmos a falar dun buraco de explotación e economía somerxida entendemos que a Inspección laboral debe implantar liñas de traballo específico e efectivo, camiñando, asimesmo, cara un modelo de intermediación sen axencias privadas de colocación e cunha rede de cobertura pública que poida encher o groso da demanda. A CUT seguirá reivindicando a asunción dos coidados como un asunto público e unha responsabilidade coletiva, a desvelar o papel que xoga a división sexual do traballo no capitalismo e a visibilizar o traballo reprodutivo que realizan as mulleres. Traballo que segue a realizarse de forma gratuíta ou en extremas condicións de precariedade no eido doméstico, xerando contiosos beneficios económicos e sociais e perpetuando a lóxica da acumulación por riba das necesidades de sustentabilidade da vida.   [1] Texto do Convenio sobre o Traballo decente para as Traballadoras e Traballadores domésticos. http://www.ilo.org/ilc/ILCSessions/100thSession/reports/provisional-records/WCMS_157833/lang–es/index.htm [2] Texto da Recomendación sobre o Traballo decente para as Traballadoras e Traballadores domésticos http://www.ilo.org/ilc/ILCSessions/100thSession/reports/provisional-records/WCMS_157834/lang–es/index.htm [3] “Las nuevas normas sobre trabajadores domésticos son tanto robustas como flexibles.” http://www.ilo.org/ilc/ILCSessions/100thSession/media-centre/articles/WCMS_158389/lang–es/index.htm