VI Asemblea Galega de Inmigración en Compostela

VI Asemblea Galega de Inmigración en Compostela

11

A CUT, como membro activo do Foro Galego de Inmigración, estará o vindeiro domingo participando na VI Asemblea Galega de Inmigración e Emigración de Retorno que este ano se celebrará en Compostela co título “Ninguén sobra nunha crise”. A nosa central sindical chama a participar, ademais, na marcha reivindicativa que sairá ás 13:15 do IES Xelmírez I, percorrendo as rúas da zona vella compostelá, para rematar ás 14 horas na Praza do Toural onde terá lugar un breve acto que recollerá as principais denuncias e eixos de actuación do Foro durante o último ano de actividade.Nun momento histórico no que a sociedade precisa máis que nunca de espazos de mobilización, facemos nosas  as palabras coas que o Foro remata  o manifesto desta VI Asemblea: “As persoas migrantes seguiremos pulando por construír e incrementar a nosa participación en asembleas, foros, movementos sociais e espazos de diálogo. As clases dominantes queren a nosa submisión invisible mais sabemos que agora é tempo de organizar a rebeldía”.A continuación dispoñibilizamos o texto íntegro do manifesto:
Estamos instalados nunha crise. Unha crise do sistema capitalista que é civilizatoria porque o modo de vida sobre o que se asenta é insustentable e insolidario.

Unha densa néboa impide ver claro e o barco chamado democracia diríxese, de forma cada vez máis perigosa, cara ás rochas, aí onde morren os dereitos humanos e a posibilidade dun mundo máis xusto.

Migrar é un dereito, contemplado na Declaración dos Dereitos Humanos. Mais hoxe, para moitos e moitas de nós, converteuse nunha obriga. Por problemas económicos, pola falta de perspectivas laborais e sociais, pola violencia de xénero ou étnica, polos conflitos bélicos, polas catástrofes ambientais, polas intolerancias de todo signo, vémonos na obriga de migrar.

E nesa viaxe móvenos a esperanza de que poderemos cumprir co noso proxecto de vida. Só queremos ter unha nova oportunidade para vivir con dignidade, cos nosos dereitos e coas nosas obrigas como cidadáns e cidadás. Iso é o que queremos facer aquí, en Galicia.

Porén, o sistema capitalista en crise destínanos aos sumidoiros da explotación laboral. O obxectivo de toda a lexislación de Estranxeiría, nomeadamento do Regulamento que foi presentado este ano, é a nosa redución a man de obra sumisa. Esta realidade, cotiá para nós, non pode facer ruído, por iso, os compañeiros manteiros da Coruña sofren a persecución e represión policial. E como ao poder non lle interesa que coñezamos e desfrutemos dos dereitos que nos asinten como partícipes desta comunidade, vemos como as Unidades de Atención ás Migracións vanse desmatelando paseniñamente nos poucos concellos galegos onde existían.

A maioría das actitudes de tolerancia e dos esforzos por construír unha sociedade verdadeiramente intercultural e cohesionada son limitados, en tanto desaparecen cando teñen que convivir coa aparición do veo islámico nas escolas ou coas mesquitas nas rúas, contando coa pasividade e o silencio dos diferentes niveis da admnistración á hora de garantir o respecto aos nosos dereitos fundamentais.

E somos tamén, vítimas, como clase traballadora, dos ataques neoliberais ao sistema de protección social, somos vítimas da rebaixa constante aos dereitos conqueridos tras décadas de loita sindical, obreira.

Non sobra ningunha persoa nunha crise. Sobran os malos xestos, os xestos de discriminación, de racismo, os que nos converten, ás persoas migrantes, en centro dun discurso político demagóxico e de corte facista que nos sinala como un perigo social e culpables dunha crise que, desde logo, non provocamos. Sobran a especulación financeira, os paraísos fiscais e as grandes fortunas feitas a costa da explotación laboral.

Sobran as redadas e o ensañamento policíaco contra a poboación migrante, as expulsións arbitrarias, a Directiva da Vergoña e os Centros de Internamento de Estranxeiros nos que se reteñen ata sesenta días en condicións insalubres e sen garantías a persoas que simplemente cometeron unha falta administrativa.

Tamén sobra, e non só en tempos de crise, unha Lei de Estranxeiría que propicia e lexitima a desigualdade e a segregación social e os programas de retorno voluntario que amosan unha visión meramente instrumental das migracións, buscando axustar os fluxos ás necesidades do mercado… máis nós non somos só man de obra! Nos últimos anos tamén vimos ofrecendo, ademais da nosa forza de traballo, o noso contributo cultural, social, político, afectivo e simbólico a esta comunidade, que foi mudando desde a nosa chegada e polo tanto, a día de hoxe, é más dinámica e viva desde lóxicas que transcenden ao aspecto puramente económico.

Polas achegas que vimos facendo a esta sociedade, e tamén polo saqueo e explotación que historicamente veñen sofrendo os nosos países e pobos ás mans das empresas trasnacionais coa total conivencia dos gobernos e demais grupos de poder europeus, queremos sinalar a débeda que esta ten connosco.

Non obstante, esta débeda ímola cobrar coñecendo e defendendo os nosos dereitos, incrementando a nosa presenza na vida pública e apostando pola creación de lazos de cooperación social, e apoio mutuo, necesarios para conquistar a vida digna á que todas e todos temos dereito.

As persoas migrantes seguiremos pulando por construír e incrementar a nosa participación en asembleas, foros, movementos sociais e espazos de diálogo. As clases dominantes queren a nosa submisión invisible mais sabemos que agora é tempo de organizar a rebeldía.