NINGUÉN SOBRA NUNHA SITUACIÓN DE CRISE

NINGUÉN SOBRA NUNHA SITUACIÓN DE CRISE

4

O sistema en crise esperta hoxe debates encol dos supostos perigos da inmigración. Debates superficiais con reaccións provocadas de antemán, populistas e xenófobas. Serven como un mecanismo máis de agochamento da verdadeira natureza da crise, mais non só, tamén erguen fronteiras no propio interior da clase obreira, que veñen enfraquecer as nosas loitas e garantiren a pervivencia da orde social existente.As persoas migrantes, lonxe de seren un colectivo cunhas problemáticas illadas que deban ser respondidas por vías asistenciais, representa un dos elos máis febles na cadea do modelo socioeconómico, é dicir, son clases oprimidas do mesmo, e cando este entra en crise sofren as súas consecuencias coa violencia lóxica para a súa subalternidade. Pensemos, por exemplo, nas destrutivas consecuencias que traerá a privatización dos servizos sociais co desmantelamento da sanidade pública e a implantación dos sistema de copago na atención, como a UE vén demandando.

O sindicalismo combativo debe facer súas as problemáticas dos e das inmigrantes e espir perante toda a cidadanía galega o trato que o noso sistema lles infrinxe. Co obxectivo de contribuírmos neste traballo, desexamos reflectir aquí as seguintes denuncias de irregularidades administrativas, violacións de dereitos e inxustizas sociais das que tivemos coñecemento nos últimos tempos, acompañadas das nosas
pertinentes demandas ao respecto:

– Denunciamos o incremento das dificultades á hora de presentar solicitudes de Arraigo Social. Na actualidade, en virtude dunha nova circular non coñecida polas persoas interesadas, a caducidade do Certificado de Antecedentes Penais pasa a considerarse de tres meses desde a expedición no país de orixe (até o de agora contabilizábanse tres meses desde a última fase do proceso de legalización diplomática, xa en Madrid). Esta cuestión non é baladí dado que a tramitación deste documento por vía diplomática demora nalgúns países máis de 1 mes. Asistimos, polo tanto, á denegación destas solicitudes por caducar os Penais, obrando xa no
Negociado de Estranxeiría.

– Denunciamos que no Arraigo Social, cunha frecuencia excesiva, as solicitudes son denegadas por causas alleas á traballadora ou traballador inmigrante: por ter a empresa débedas coa AEAT e/ou coa TXSS. Antes, no Recurso de Reposición existía a posibilidade de presentar un novo contrato de traballo, hoxe obrigan a reiniciar o expediente coa nova presentación da documentación obrante nos Negociados de Estranxeiría.

– Denunciamos a extrema lentitude de resolución nas renovacións de Autorizacións de Residencia e Traballo, o que implica a perda do subsidio de desemprego por caducidade da tarxeta. Alén disto, ante unha realidade de taxas de desemprego desmesuradas, o límite de 6 meses de cotización á Seguridade Social para a renovación de tarxetas tórnase unha barreira excesivamente ríxida e antisocial. Reclamamos a aplicación de criterios de flexibilidade por parte das Subdelegacións de Goberno.

– Denunciamos a explotación, hoxe con máis crueza, das empregadas de fogar, nomeadamente das internas. A existencia de ETT adicadas ao servizo doméstico supoñen, na maior parte dos casos, un empeoramento das condicións laborais.

– Denunciamos, novamente, a Directiva do Retorno, directiva da vergoña, que fai fincapé na consideración da inmigración como man de obra barata que é regulada segundo os intereses da Patronal.

– Denunciamos as mutuas de seguros que obrigan a ocultar os accidentes de traballo como enfermidades comúns.

– Denunciamos a existencia de visados de estudantes de 6 ou menos meses, sen correspondencia coa duración dos estudos que veñen realizar, denegándolles a posibilidade de documentarse e imposibilitando a renovación, ao obrigar aos afectados a solicitar nos seus países de orixe un novo visado.

– Denunciamos a normativa de familiar comunitario e os seus ascendentes, pois o ser cónxuxe de cidadán do Estado español empeora as condicións respecto de ser cónxuxe de cidadán da Unión Europea.

– Solicitamos ao Goberno do Estado que amplie o prazo de solicitude de nacionalidade española para netas e netos, pois esta opción péchase o 27 de decembro.

– Denunciamos a redución de axudas e subvencións ás entidades inmigrantes por parte da Xunta de Galiza e a nula política da Xunta en materia de Emigración de Retorno da que Galiza ten competencia plena.

Denunciamos, en resumo, un futuro crítico para un colectivo de presente moi  precario. Compartindo esta mirada co proletariado de Galiza, sexa autóctono ou estranxeiro, manifestamos: primeiro, que o actual contexto non é un accidente no capitalismo senón que é a súa esencia mesma, na cal as/os inmigrantes ou ben sobran, ou ben son reducidos a man de obra escrava; e segundo, a necesidade de seguir traballando na loita transformadora, aglutinando os esforzos e demandas de todos os sectores sociais, xa que, dunha mirada profunda ao colectivo migrante, aprendemos que baixo o actual sistema económico non existe ningunha saída real da crise.