OS CUSTOS LABORAIS CAEN POR PRIMEIRA VEZ EN DEZ ANOS

OS CUSTOS LABORAIS CAEN POR PRIMEIRA VEZ EN DEZ ANOS

9

Hai dous xeitos de incrementar a produtividade nas empresas:

  • Incrementando o valor engadido dos produtos e servizos.
  • Rebaixando as cargas laborais.

No estado español optouse claramente por este segundo modelo. Así a panacea para todos os males, tamén para este, é o coñecido slogan de “facer máis con menos” e canto máis abaixo na escala laboral máis se aplica este criterio.A “solución” que se lle deu a todas as facetas da crise, tamén ao incremento da produtividade, son coincidentes, precariedade laboral, despido a custo cero, menos salarios e menos gasto social.  Non é de estrañar que con esta “menciña” os custos laborais se reducisen a nivel estatal, por primeira vez en 10 anos, segundo recolle a estatística do Índice de Custo Laboral Harmonizado (ICLA) elaborada polo INE, no que se reflicte que, despois da análise dos custos no terceiro trimestre do ano, a taxa interanual descendeu nun 0,6%.Factores como o da redución dos salarios dos traballadores/as da administración pública, xunto co xa sinalado de precarización xeneralizada do “mercado laboral” (os traballadores/as fomos, de sempre para o empresariado e o poder político, mercadorías) tiveron dende logo un impacto claro nos datos do terceiro trimestre.O cálculo faise mediante a media do custo laboral en todo o mercado. Coa suba do paro os máis afectados polo desemprego foron os traballadores máis humildes, os que menos gañaban, entre outras cousas, porque o seu emprego era pouco cualificado e prescindible. Ademais disto, as indemnizacións por despedimento tamén entran no cálculo, ao minimizarse o custo do despido tamén se reduce o custo laboral. A estes factores hai que engadir que os salarios na empresa privada non só non se incrementaron senón que mesmo, en moitos casos, tamén diminuíron.Servirá a estratexia de reducir os custos laborais para ser un estado competitivo? NON!. Hai que ser máis produtivos, producindo bens ou servizos máis especializados. Pero, de momento, non se pode competir en soldos cando hai países como China cunha man de obra moito máis barata, a non ser que o que se pretenda, en última instancia, sexa o traslado do modelo chinés ás relacións laborais do estado, cousa que parece ser a pretensión última dos poderes económicos e políticos, estes últimos cada vez máis situados na órbita do neoliberalismo máis radical e antiobreiro.Nas nosas mans está facerlle fronte a esta estratexia, activando a unidade de todos os traballadores e traballadoras e, tamén, poñendo en marcha e mantendo no tempo a mobilización que desde os sectores máis dinámicos da clase obreira vimos reclamando.