DO CAOS AÉREO, DO FASCISMO, DO EXÉRCITO E DA DEMAGOXIA

DO CAOS AÉREO, DO FASCISMO, DO EXÉRCITO E DA DEMAGOXIA

8

Estes días está quedando patente que a socialdemocracia, representada no estado español polo PSOE, é o lacaio máis efectivo do capitalismo, a mellor executora de medidas fascistas. Comos non lles chegaba con aplicar o neoliberalismo económico máis radical (reforma laboral, reforma das pensións, privatizacións, eliminación de subsidios, suba de impostos indirectos…), agora sacan ao exército para dicirnos quen manda aquí, ata límites de guardias civiles apuntadando coas súas pistolas a controladores para que exerceran o “dereito ao traballo”.

A folga dos controladores aéreos converteuse na excusa perfecta para probar as novas receitas fascistas que nos queren impor a todos os traballadores e traballadoras. Utilizando unha demagoxia sen límites, e coa complicidade uniforme de todos os medios de comunicación, falan de folga salvaxe dentro dun servizo público por parte duns traballadores que gañan moito e non teñen dereito a protestar. Analicemos o que non vai nas informacións dos que máis berran

 

O pasado mes de agosto estaba convocada unha folga por parte dos controladores aéreos que ao final foi paralizada para reiniciar as negociacións. Non imos ser nós os que defendamos o corporativismo desta profesión e o seu carácter de exclusividade, abofé que non, pero tampouco seremos os que ataquen as súas reivindicacións que eran sobre todo de índole social e non económica. Unha vez reaunadas as negociacións estas non avanzan e ante o cabreo da patronal, neste caso o goberno, a cousa remata cun decreto lei no que se lles obriga a traballar máis horas das que por lei teñen estipuladas. Na práctica isto significa romper a negociación colectiva cando a patronal o considera oportuno e impor as condicións que eles lles parece sen negociar, xusto o mesmo estilo que aplicaron na reforma laboral. A reacción inmediata dos traballadores e traballadoras e non traballar porque foi precisamente o goberno o que violou as regras de xogo e puso unhas novas; ou só eles teñen dereito á violencia que calquera das súas formas?

A seguinte reacción do goberno foi a de sacar o exército para cubrir o traballo dos controladores coa excusa de que non se pode actuar desta maneira cun servizo público. Desta reacción sacamos varias lecturas: como poden falar de servizo público cando tres días antes abren a privatización dos aeroportos? En realidade sacan ao exército para defender e protexer o negocio do capital, sacan o exército para mostrar a súa forza e abrir unha vía de ameaza a todos os traballadores e traballadoras que teñan en mente mobilizarse, sacan ao exército para dicirnos que as negociacións só serven se asinamos o que queren ou do contrario aplicarán a forza. Non son eles os que din que non se pode ir con pistolas ás mesas de negociación? Non será que só poden levalas eles?. Acaban de asinar as novas formas de negociación aproveitando o populismo para insertar un fascismo do que seremos vitimas nos anos vindeiros. Falan dos dereitos dos “pobriños” que quedan sen vacacións e non falan do paro, dos 426 euros, da suba dos impostos indirectos, dos ERES, da precariedade… NON DEBEMOS CAER NA SÚA DEMAGOXIA FASCISTA.

O fascismo camiña rápido e seguro, o populismo radicalizado na demagoxia é tal que sacan ao exército sen que nos sorprendamos; é tal que son quen de sacar unha lei para eliminar o dereito a folga é a negociación de convenios cando eles aleguen o “seu interese xeral” sen que nos inmutemos. Non podemos quedar mudos ante os seus ataques e a súa violencia, debemos respostar.