SEGUE O CONFLITO COLECTIVO EN AMARANTE

SEGUE O CONFLITO COLECTIVO EN AMARANTE

13

Nos derradeiros meses as centrais sindicais CUT e CGT levamos denunciando o tinte empresarial das prácticas que ven desenvolvendo a Directiva da ONG AMARANTE Setem na súa xestión de persoal. Logo do despedimento dunha traballadora no mes setembro e de anunciar a non renovación do contrato doutra compañeira en situación de baixa, a ONG reincide na súa negativa de abordar de forma colectiva a situación de conflitividade laboral que está a ter lugar no seo desta asociación. Unha vez máis, ante a vontade amosada polas centrais sindicais de chegar por medio do diálogo a unha solución consensuada que fora beneficiosa para o conxunto das traballadoras, a resposta desta organización pasa por abordar o conflito colectivo dende a lóxica da fractura entre as traballadoras e da negociación individual, reproducindo unha práctica amplamente estendida entre as empresas capitalistas. Tampouco difire da lóxica empresarial vixente o abuso da contratación temporal que vén adoptando esta entidade. Sobre todo, cando esta contratación temporal foi realizada en fraude de lei, isto é, co obxecto de encubrir relacións laborais que na súa propia natureza serían indefinidas.Ao despedir a súa única traballadora indefinida, a Directiva apostou por eliminar do seu cadro de persoal a traballadora con máis garantías legais e laborais, o que é dicir o mesmo, optou por manter ao persoal sobre o que máis doado é decidir e dirixir debido ao carácter eventual e aos aminorados dereitos dos que dispoñen os compañeiros e compañeiras nesta modalidade de contratación neoliberal.A inequidade salarial é outra realidade cotiá na xestión de persoal desta organización. Para as mesmas horas e o mesmo traballo retribúese de forma distinta, ao tempo en que traballadoras que ostentan as mesmas responsabilidades no organigrama presentan categoría profesionais diferentes. Aos incumprimentos laborais apuntados anteriormente e ás evidentes incoherencias entre o discurso e praxe dunha organización que levanta a bandeira da defensa dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores do Sur, hai que sumar o silenciamento da voz do conxunto das persoas traballadoras de AMARANTE Setem e o veto á súa participación na toma de decisións que repercuten directamente sobre o seu futuro profesional e vital. Asumindo que a loita sindical debe estar alí onde se detecte calquera atropelo das condicións laborais, as centrais CUT e CGT seguirán defendendo os dereitos das traballadoras desta organización que se autoproclama como “transformadora” coa mesma intensidade coa que actúa ante as agresións de calquera empresa capitalista.