A CUT ESÍXELLE Á CRTVG O MANTEMENTO DE TODOS OS POSTOS DE...

A CUT ESÍXELLE Á CRTVG O MANTEMENTO DE TODOS OS POSTOS DE TRABALLO

9

A Sección Sindical da Central Unitaria de Traballadores na CRTVG, que xa hai meses alertou sobre a posibilidade de que a dirección da empresa aproveitase a celebración dunha Oferta de Emprego Público para xustificar o despedimento masivo de traballadores e traballadoras que levan anos prestando os seus servizos na CRTVG, na TVG e na RG, denuncia que o Comité Interempresas non está a negociar garantías para o mantemento dos postos de traballo dos contratados e contratadas que non acaden praza en calquera proceso selectivo que se poida levar a cabo.A CUT esíxelle ao Comité que sitúe na primeira liña das súas prioridades esta defensa de todos os postos de traballo, no canto de teimar unha e outra vez, coma se fose o máis grave, na composición duns tribunais para unha suposta OEP que lle preocupan máis aos membros dos sindicatos con representación na CRTVG que ás ducias de traballadores e traballadoras que nestes momentos están a ver perigar o seu futuro laboral. A CUT considera que é imperioso por parte do Comité rexeitar a celebración de calquera OEP mentres que a empresa non garanta que ao día seguinte non se vai destruir emprego.As 220 prazas comprometidas hai anos son insuficientes para resolver o gran problema laboral e xudicial que hai na CRTVG, e supoñen un número reducido especialmente lesivo para determinadas categorías nas que a posibilidade de estabilizar o emprego son case nulas Por esta razón, a CUT esíxelle ao Interempresas que faga todo o posible por paralizar a celebración de calquera OEP ata que non se acorde coa empresa e con plenas garantías de cumprimento que se van respectar -primeiro- e consolidar -despois- todos os postos de traballo actuais, negociando a celebración de procesos de consolidación que este sindicato entende que sería viable executar de xeito gradual durante varios anos. A Central Unitaria de Traballadores comunícalle ao Comité Interesempresas a súa plena disposición para apoiar e secundar cantas medidas de presión sexan precisas para acordar coa empresa estes puntos que entendemos que nestes momentos é crucial e urxente defender.