25 DE NOVEMBRO: CONTRA A VIOLENCIA DO CAPITAL E O SISTEMA PATRIARCAL

25 DE NOVEMBRO: CONTRA A VIOLENCIA DO CAPITAL E O SISTEMA PATRIARCAL

11

“Se me matan… eu sacarei os meus brazos da tumba e serei máis forte.”

Minerva Mirabal

 

Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, alcumadas na clandestinidade “as bolboretas”, eran tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960, a mans da policía secreta do ditador Rafael Trujillo na República Dominicana. As tres irmáns convertéronse dende entón en símbolo da resistencia, tanto popular como feminista. O 25 de novembro foi declarado na súa memoria día internacional contra a violencia cara a muller no Primeiro Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Colombia en 1981.

Dende a CUT rexeitamos calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres, e máis concretamente dende a Secretaría das Mulleres traballamos para mudar a realidade que nos leva a que, a día de hoxe, a explotación capitalista e o sistema patriarcal da sociedade teñan como consecuencia o asasinato constante de mulleres.


   

Todos e todas debemos traballar para mudar esta realidade ignominosa. O ámbito laboral é un lugar de influencia moi importante onde podemos e debemos promover unha serie de cambios nas actitudes sociais, cambios que van dende aspectos meramente económicos ata as propias relacións en termos de igualdade.

A igualdade é a principal premisa para garantir a paz en todas as relacións entre homes e mulleres, só unha vez destruída a desigualdade teremos a posibilidade de superar a opresión, sexa do tipo que sexa.

Dende a CUT imos traballar para que igualdade sexa real e non tan só unha medida gubernamental electoralistas en tempos de bonanza económica, e un ministerio a prescindir cando os cartos impoñen a súa xerarquía de valores. É necesario, hoxe máis que nunca, un cambio de valores na nosa sociedade, debemos educar dende a infancia para obter a igualdade, a nosa obriga é concienciar, sensibilizar, visibilizar calquera manifestación de violencia; denunciar para evitar a súa extrema manifestación.

A CUT sairá ás rúas o 25 de novembro “CONTRA A VIOLENCIA DO CAPITAL E O SISTEMA PATRIARCAL”, e o resto dos minutos de cada día poñerá a súa vontade e traballo nesta loita de liberación imprescindíbel.

 

“Mulleres danzan á luz da miña lámpada.

Sóbense ás mesas. Din discursos incendiarios.

Cércanme cos sufrimentos. As marcas do corpo.

O alumamento dos fillos.

O silencio das olorosas cociñas.

Os efémeros, tensos, dormitorios.

Mulleres enormes

Recuperan a voz.”

 

Gioconda Belli

 

SECRETARIA DAS MULLERES

Novembro 2010