OS MARIÑEIROS DO MORRAZO COA LOITA DO POBO SAHARAUI

OS MARIÑEIROS DO MORRAZO COA LOITA DO POBO SAHARAUI

8

Un numeroso grupo de mariñeiros da comarca do Morrazo, presentaron publicamente unha iniciativa ós Concellos de Cangas, Marín, Moaña e Bueu, para que os respectivos Plenos das Corporacións adopten acordos de solidariedade coa loita do pobo saharauí e tamén manifestar a repulsa a política xenociada de Marrocos e o papel cómplice do Goberno de España.No escrito presentado por rexistro en todos os concellos da bisbarra, din o seguinte: “Todos os comparecentes somos mariñeiros que durante moitos anos trabállanos no caladoiro do Banco Canario-Sahariano. O motivo deste escrito é exercer a nosa obriga ética e de agradecemento ó pobo saharauí, que pensamos é compartida pola inmensa maioría de mariñeiros do Morrazo que durante corenta anos faenamos naquelas augas.  

 

 Diante dos dramáticos acontecementos que se están a suceder nos últimos tempos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental e a súa poboación. Dirixímonos a todos os Grupos Municipais dos Concellos do Morrazo, para que nos respectivos Plenos Municipais máis próximos traten como Moción o presente escrito:

 

1º.- Manifestar a nosa enérxica repulsa contra a política xenocida da Monarquía marroquí, que non dubida empregar os métodos máis desapiadados de terrorismo de estado para someter a poboación saharauí en loita polos seus lexítimos dereitos.

 

2º.- Transmitir así mesmo, a nosa enérxica repulsa ó Goberno español, a súa Ministra de Asuntos Exteriores pola súa política vergonzosa sobre a “cuestión saharauí” actuando como verdadeiros cómplices da Monarquía marroquí.

 

3º.- Manifestar a nosa máis amplía solidariedade e apoio ó Goberno da República Árabe Saharauí Democrática e o pobo saharauí, se cabe especialmente á poboación dos territorios ocupados.

 Solicitamos que os respectivos Acordos Plenarios en repulsa da actuación da Monarquía marroquí, da actitude cómplice do Goberno español, e de solidariedade co pobo saharauí, sexan enviados polo conducto regulamentario, á Presidencia do Goberno Español, á Ministra de Asuntos Exteriores, ás Delegacións Saharauís en Madrid e Galicia, ó Goberno Saharauí en Tindouf, e a Embaixada de Marrocos en Madrid.

 

En roda de prensa celebrada en Cangas, os mariñeiros que xa na longa loita que precedeu á desaparición da flota galega no caladoiro do Sahara 1988-2000,estableceron fértiles lazos solidarios co pobo saharauí, lembraron que a comarca e o desenvolvemento da súa economía dos últimos corenta anos, sería impensable sen o factor da pesca naquel caladoiro.

  Comprometéronse a asistir os Plenos de cada un dos Concellos e transmitir a cada un dos Grupos Municipais esta iniciativa solidaria, para facer que prospere en cada un dos Concellos.