O SINDICALISMO DOMESTICADO

O SINDICALISMO DOMESTICADO

5

 

Os sindicatos estatais maioritarios acolleron con esperanza a noticia de que Valeriano Gómez será o novo ministro de Traballo e Inmigración. UGT e CCOO esperan que co novo titular da carteira resulte máis doado reconducir o diálogo sobre a reforma laboral que instaurou o Goberno e que foi motivo dunha folga xeral o pasado 29 de setembro.  Os sindicatos centralistas preparan, tamén unha novena e algún dos seus secretarios seica dixo que, como bo galego, virá a Compostela a pedirlle ao santo que Zapatero reconsidere a reforma laboral. De todos os xeitos o propio Valeriano, o novo Ministro, xa se encargou de situar as cousas no seu punto. Dixo que participara “plenamente” na elaboración, deseño e discusión da reforma laboral, e que non se sinte “incómodo” defendéndoa.  O novo ministro chega coas mans atadas. A política económica, laboral e social está marcada, demóstrase de xeito cotián que nin sequera se controla desde o Estado Español, polo tanto este home será outro monicreque nas mans do FMI, BCE e outros órganos de poder do capital.  Así que, CCOO e UGT, se non convocan mobilizacións terán que recorrer aos santos para que se produza o milagre da retirada da reforma laboral.  Xa advertiron que non ían convocar outra folga xeral. Eles xa cumpriron, convocaron unha exitosa folga xeral (na que outros sindicatos e sectores da sociedade tivemos unha participación imprescindible para que fose maioritaria), e agora toca vivir de rendas outra longa tempada. Desde fai moitos anos centraron a súa actividade na negociación, non van cambiar o modelo sindical que tanto éxito económico lles proporciona, para pasar ao outro extremo, á mobilización. Dilapidarán, unha vez mais, o esforzo e sacrificio de moitos traballadores/as nunha mesa de negociación.  Se, dunha vez por todas, en Galiza non iniciamos o noso propio “camiño francés” estamos perdidos, se temos que agardar a que estes sindicatos tomen a iniciativa imos listos.  Os/as que optamos por un sindicalismo combativo esiximos a continuidade das mobilizacións. Temos que comezar a preparar xa a segunda folga xeral. Os sindicatos “conciliadores” pediron a baixa, quedamos solos/as, a vindeira folga será galega ou non será.