ESTAMOS RODEADOS

ESTAMOS RODEADOS

4

Galicia está cercada, libramos batallas por terra mar e aire e en todos os flancos. Desde o agro até a industria o futuro de Galicia está en xogo. Todos os factores políticos, pola pouca articulación nacional, xogan en contra da nosa vitoria. Se non somos capaces de aglutinar a resposta acabaremos perdendo a guerra. As dinámicas de evolución de todos os sectores da produción veñen ditadas desde fóra dos nosos límites territoriais e todas elas van encamiñadas á depredación absoluta, marcando como futuro da nosa nación un absoluto deserto industrial e unha economía nos sectores que “resistan”, ou que interese manter aquí, absolutamente dependentes de intereses foráneos.O agro:  A entrada no Mercado Común significou a perda de sentido do minifundismo tradicional, pagouse polas vacas que se eliminaban pensando nun futuro de concentración onde só as granxas cun número alto de animais serían competitivas. Aos labregos presentóuselles un futuro marcado pola produción de carne e leite. Hoxe o “mercado” encárgase de desfacer os soños de miles e miles de labregos/as.  Os bosques:  Hai xa moitos anos que Galicia empezou a perder os seus formidables bosques de piñeiro galego e de carballo. Foron sibilinamente substituídos por eucaliptos, Derivado dunha política na que se considerou a Galicia como se considera aos paises do terceiro mundo (colonizados) instaláronse no noso territorio empresas coma as celulosas que precisan deste tipo de produción silvícola.Os lumes, entre outros aspectos, son un efecto de políticas que derivan no baixo valor engadido do noso monte.  O mar:  Galicia foi e segue a ser unha potencia mundial a nivel de pesca, mais os problemas para o mantemento da flota cada día van a máis, o feito de que non teñamos a posibilidade negociadora para establecer novos caladoiros e para manternos nos que actualmente estraemos fai que perdamos cada día máis “mercado”. Isto reflíctese nas prazas e mercados das nosas cidades onde cada día entra máis produto de “fóra”.  O naval:  Derivado da nosa capacidade pesqueira existiu, de sempre, unha potente industria naval, un sector capital na nosa nación que pasou por varias reconversións até convertelo nun sector residual, o pouco que queda está a piques de desaparecer (claro exemplo disto vivímolo co actual conflito de Vulcano).  A minería:  Podemos dala por desaparecida e a pouca industria que nacera arredor dela apiques de pechar.  A industria:  Nunca foi Galicia un pais cunha industria desenvolvida, no reparto de roles que fixo o capital, á nosa nación tocoulle ser o provedor de man de obra para precisamente abastecer outras zonas e países industrializados dentro e fóra do Estado Español. A crise que afecta con dureza ás zonas máis industriais ameaza con deixar baldeira de industrias a nosa nación.  O aire:  Até o aire nos quitan, as industrias eléctricas, todas en mans estrañas, queren facerse co pastel do noso aire e dos nosos montes.. Lánzanse como voitres sobre un novo nicho económico sen ter en conta valores ecolóxicos nin os dereitos económicos dos labregos/as.  O futuro para Galicia e para os galegos e galegas está trazado, queren que, despois de destruírnos todas as áreas produtivas e industriais, continuemos co noso estigma secular, sigamos emigrando para converternos nos camareiros en Mallorca, os traballadores da construción que precisan para alicatar o Mediterráneo, o peón precarizado en calquera empresa pero fóra do noso país, porque aquí non quedará ningunha, perdón, se nos quedamos, e temos sorte, poderemos traballar catro horas, dous días á semana en lugares como IKEA, Carrefour….  Se nalgunha nación do Estado é necesaria unha folga é na nosa, unha folga que aglutine o clamor dos labregos, dos mariñeiros, dos que foron mineiros e hoxe están nun paro interminable, da mocidade sen futuro, dos traballadores sen traballo ou condenados a perdelo e dos que continuarán traballando pero cun futuro precarizado …  En definitiva, o noso país está pedindo a berros unha folga xeral pola dignidade e polo devir, se non a pelexamos a guerra está perdida.