O PRESIDENTE DO BANCO DE ESPAÑA PÍDENOS O SUICIDIO COLECTIVO

O PRESIDENTE DO BANCO DE ESPAÑA PÍDENOS O SUICIDIO COLECTIVO

5

 Miguel Angel Fernández Ordoñez, “pide a empresarios e traballadores que fagan uso da reforma laboral”.Con estas palabras intenta darlle á dita reforma unha aparencia de ferramenta que serve para ámbalas dúas clases por igual (por un lado empresarios, por outro a traballadores/as).Tampouco ten ningún reparo en reclamar a desaparición definitiva, das cláusulas de revisión salarial dos convenios colectivos, que vinculan a revisión dos salarios á inflación. Segundo o Presidente do Banco de España, o mantemento da devandita figura -á que se referiu como “legado dos hábitos inflacionistas dun pasado xa superado”- foi “unha fonte de problemas”.Vamos que sen ir máis lonxe aos empresarios non lles convén a súa existencia.
  Non deixou pasar a ocasión para “pedir”, de novo, a moderación salarial. Máis moderación salarial?. Con cinco millóns de traballadores/as no paro que teñen esa moderación asegurada, en moitas ocasións para toda a súa vida. Cos convenios colectivos que son papel mollado, e cos poucos que se negocian xa substancialmente reducidos en salarios e dereitos. Este individuo pide máis moderación?. Ten a cara de pedirnos moderación cando arredor da nosa precariedade observamos que os de sempre seguen enriquecéndose. Sen ir máis lonxe as retribucións dos conselleiros independentes das empresas que cotizan no IBEX, unha cuestionada figura regulada pola lei, varían entre os 50.000 e os 150.000 euros ao ano, que cobran por asistir a unhas dez reunións.  En definitiva, o Presidente do Banco de España, fiel servidor dos designios do Banco Central Europeo, do Fondo Monetario Internacional e dos intereses do empresariado, pídenos a traballadores/as, con todo o descaro do que é capaz (que é moito), o suicidio colectivo.  Coa folga do día 29 a clase obreira galega falou alto e claro, acabouse a época da resignación e espera, declaracións como estas non fan máis que reafirmarnos na necesidade de continuar coas mobilizacións iniciadas, calquera diminución nas dinámicas mobilizadoras servirán para que xente coma este señor aproveiten a conxuntura para intentar minar a nosa fortaleza.