MEMORIA DO MAR

MEMORIA DO MAR

12

 Hai uns días escoitaba os foguetes da procesión mariñeira do Carme. Inmediatamente veume a memoria que tal día como aquel, hai 22 anos, a policía cargaba en Marín contra unha multitude de mulleres, compañeiras dos mariñeiros do Banco Canario-Sahariano en Folga polo Convenio Colectivo.

 A Folga comezara había 15 días e o conflito estaba enquistado con mobilizacións constantes no Porto de Las Palmas, amarre de loita de 137 barcos da flota cefalopodeira con máis de dous mil homes, maioritariamente galegos do Morrazo. Na Terra, en Galicia, eran acompañados polas mobilizacións tamén continuas das súas mulleres. A sen razón patronal tiña bloqueada a negociación.Ese día en Marín, as mulleres só pretendían que un grupo de nenos entregaran ó Rei Felón, de visita á Escola Naval, un molliño de flores cunha nota reivindicativa sobre os mariñeiros en Folga. A resposta non podía ser doutra maneira e a carga policial non se fixo esperar. Ate algún traballador da prensa, aínda que lle esqueceu, tamén apañou.Non sei si a intuición, ou o azar, fixo que horas máis tarde no peirao de Las Palmas, e coas medidas de discreción correspondentes nos reuníramos no parque de pesca do arrastreiro vasco “Dantzari”, corenta e sete compañeiros escollidos entre toda Flota, a intención era preparar unha resposta na rúa que se fixera oír en Madrid.Así foi, dispúxose a organización de 30 piquetes de 20 homes, e 2 máis de 60, todos eles escollidos. Para cada piquete nomeouse un responsable con instrucións precisas por escrito e un mapa rueiro de Las Palmas. Disolveuse a xuntanza saíndo por grupos ó peirao. Inmediatamente pasouse recado buque a buque, por bares e tugurios do porto coa consigna de estar a bordo ás cinco da mañá. Foi unha das noites máis tensas da Folga, ninguén sabía nada nin sequera os disciplinados compañeiros que tiñas que executar o plan mobilizador, as instrucións da mobilización serían transmitidas as 6 da mañá no comedor doutro barco galego atracado no Porto de La Luz.Ás 6 da mañá aínda sen abrir o día, foron saíndo os grupos de mariñeiros espallándose disciplinadamente por toda a cidade. A hora H fixada foi para as 8 da mañá, acordo incumprido xa que ás 7´15 ardía o primeiro almacén do peirao, exactamente o pañol de rede da flota xaponesa, no peirao da froita.O caos e o lume na cidade de Las Palmas fíxose realidade. A radio dicía que a cidade quedara paralizada e a policía desbordada. Comezan as primeiras escaramuzas e a retirada programada ó forte inexpugnable do Peirao. Seguen chegando noticias do colapso de toda illa e a autopista que a bordea. Sábese dos primeiros detidos, once exactamente, dos cales sete son mariñeiros de Cangas, dous de Marín, un de Bueu e outro de canario. Primeiros feridos, un ferido grave, Benito segundo de máquinas de Bueu, unha bala de goma rompeulle a mandíbula.A radio oficial xa comeza a falar de guerrilla urbana, comézase a fabricar a gran mentira. Ás 12 da mañá negóciase cun capitán da policía un alto ó fogo. Madrid xa coñecía o que pasaba en Las Palmas. O orgullo ferido das mulleres mariñeiras fora lavado.O día 17 chegan a Las Palmas nun avión de transporte militar, dúas compañías da reserva antidisturbios procedentes de Córdoba e Zaragoza. Declárase, incrible! O toque de queda e a prohibición de saír os mariñeiros do peirao. O día seguinte claro que saíron todos os mariñeiros con miles de quilos de peixe para repartir entre os barrios pobres de Las Palmas. Foi a resposta ó desafío fascista e a solidariedade dos mariñeiros en loita co pobo canario.