EMPRAZAMENTO PÚBLICO Á CIG

EMPRAZAMENTO PÚBLICO Á CIG

11

A CUT ven de facer un emprazamento público á CIG para que, nestes momentos históricos e desastrosos para a clase obreira, asuma a súa responsabilidade como sindicato galego maioritario convocando unha FOLGA XERAL EN GALICIA. O noso sindicato leva reclamando xa máis de dous anos esta necesidade, e o tempo está a darnos a razón. É hora xa de coller a iniciativa e deixar de escoitar os cantos de serea que chegan dende Madrid para escudar a nosa inanición na incompetencia dos sindicatos españois. A obriga do sindicalismo galego e de clase e dar un paso adiante, con determinación e valentía, asumindo as nosas responsabilidades; o contrario é tirar balóns fóra agochando a cabeza. Non hai que pedir a FOLGA XERAL, HAI QUE CONVOCALA XA.Podedes ler aquí o comunicado dirixido á CIG.

AO SECRETARIO XERAL DA CIG

A razón que ven a motivar esta nova comunicación da CUT a esa central sindical, é a profunda preocupación que nos produce a actual deriva da situación económica e socio-laboral. Máis en concreto o Decreto da Reforma Laboral, e a hipócrita posición de CCOO e UGT de utilización da dobre linguaxe cunha intencionalidade de profundar no marasmo da opinión pública. O verdadeiro valor do que está a acontecer non é o abaratamento do despedimento contido na Reforma, non é a crise económica en abstracto, a verdadeira acepción do que está a ocorrer, sen que teña unha resposta no movemento obreiro, está por vir: nada será igual para os traballadores/as despois da remontada capitalista da crise. Os traballadores/as e os sindicatos de clase seremos quen paguemos as consecuencias de maneira dramática. Desde hai máis dun ano, dende esta central sindical, con humildade pero con claridade, vimos dicindo que non hai máis saída sindical á situación que a convocatoria de FOLGA XERAL, así volo transmitimos reiteradamente (no mes de marzo á vosa Federación do Metal, no mes de maio ó Secretario Xeral e novamente a este último no mes de xuño) da mesma maneira que transmitimos a nosa alternativa a outras organizacións sindicais, sociais, políticas, etc.. O 29 de Xuño, os sindicatos vascos chaman a Folga Xeral Nacional nesa nación, convocatoria que agora é referendada polos sindicatos españois CCOO e CGT. Desde a CUT pensamos que este é so un exemplo a seguir, non vale a estas alturas falar de que alí hai unha maioría sindical vasca, menos cabe falar de esperar a que CCOO e UGT, atendendo ó mandato da Patronal europea, queiran escenificar outro fraude o 29 de setembro. Mentres, a masa traballadora está cada día máis decepcionada coa traizón sindical, inclinándose por buscar saídas individuais ante a negada posibilidade de avanzar como colectivo. Desde a CUT emprazamos publicamente a CIG, para desde unha posición de defensa real dos intereses da clase traballadora galega, xunto con todas aquelas organizacións sindicais, políticas, sociais, etc.. dea un paso ó fronte para a convocatoria xa de FOLGA XERAL NACIONAL EN GALICIA, coma xa fixo noutras ocasións na historia obrigando aos demais a sumarse a esta dinámica. Un saúdo de clase Ricardo Castro Buerger Secretario Xeral da CUT En Vigo, a 18 de xuño de 2010.