A FOLGA NA FUNCIÓN PÚBLICA. “Non é iso compañeiros…”

A FOLGA NA FUNCIÓN PÚBLICA. “Non é iso compañeiros…”

8

“Non é iso, compañeiros, non é iso” cantaba o catalán hai ben anos, sabendo xa a onde nos levaba a restauración borbónica, o pacto social, a traizón sindical, a reconciliación, os modernos, os de “xa mudaron os tempos”… O pasado 8 de xuño, despois do zapatazo salarial e contra as prestacións sociais, pensións, dependencia…os traballadores/as públicos fomos á Folga. Pasada a romaría cabe reflexionar sobre o que foi e o que debería ter sido.

 

 

 

 

 

 Non temos intención de tratar polo miúdo a recua de escusas, moitas delas específicas do sector, que serven para argumentar a pasividade, a desmobilización e o esquirolismo. Pero coñecémolas, por vellas e inxustificables. E se as citamos aquí é porque sabemos que os sindicatos sistémicos, aplicando a táctica circular de “a) non nos movemos b) cando nos movemos un chisco a xente non responde c) logo, non nos movemos”, retroaliméntanse con estas actitudes miserables e indefendibles de moitos compañeiros/as diante dunha mobilización. Sen falar das fraccións máis reaccionarias, engadamos os oeneguistas “é normal a redución salarial”, os felices que non se sinten traballadores “é un privilexio ter traballo fixo”, os hipotecados “con coche de luxo á porta”, os queimados polo sol “ que non saben o que é unha folga”, os imaxinativos e artistas “hai que facer outras cousas sen ir á folga”, os xaponeses “ folga á ídem”, os aproveitados e disimulados “asuntos propios; vou á mani e non á folga”, os falsos radicais “debería ser folga indefinida”, os contables e avaros “descóntannos un día; xa perdemos moito”, os lóxicos “debería ter sido antes; xa está aprobado”…Ao cabo, escusas mil. Moitos progres-analistas de todas as facianas argumentarán a súa inoperancia, mellor ca nós, con algunhas das seguintes reflexións. Quede claro que, con razón ou sen ela, non están feitas para eles. Non é iso,compañeiros. Sabemos hai tempo que a ofensiva do capital é xeral, e non sectorial. Ofensiva xeral contra os traballadores e as conquistas sociais, nomeadamente a destrución dos servizos públicos. Polo tanto a resposta debía ser xeral. Folga xeral. Pero non foi iso, compañeiros. Os sindicatos do sistema, maioritarios a día de hoxe, acostumados a recibiren agasallos, quedaron con cara de parvos cando saíu o decretazo. Véxase a rolda de prensa de Toxo e Méndez o día de autos. Ponto final á crenza dos inxenuos na tolerancia ZP e no “talante social” do Psoe. Homenaxes a Pablo Iglesias aparte. Non era iso, compañeiros. Así non se convoca unha folga, máis que para perdela. Caeron na trampa ou caeron adrede? Folga sectorial, aos poucos. Non foron convocados sequera os sectores privatizados, como o Transporte. En Correos convocaron dous días despois, contra a liberalización do servizo(!), e en Renfe fano unhas semanas despois nunha folga de empresa. Desmobilizando desde o principio, porque non mobilizar é desmobilizar. Os apagalumes sindicais preferiron prantar lume cativo para ter máis doado o traballo. E non é iso, compañeiros. Tampouco se convoca así, aínda sendo só unha folga do sector. Tarde, atrasada e retrasada. Como quen non quere a cousa, como obrigados, coa boca estreita. Temendo perdela ou querendo perdela. Dende os despachos. Dous carteliños nos centros de traballo, non vaia ser!. Contando só cos medios de comunicación ,firmes aliados da clase traballadora!. Coa invisibilidade dos mantidos liberados sindicais, sempre levitando na moqueta. Por correo electrónico, unha vez superada a fase histórica do fax, e co engadido incorporado de “Non desexado”. Foi iso, compañeiros. Ao mesmo tempo que se convoca unha mobilización, unha folga, séntanse na táboa coa patronal, “Esgotando todas as posibilidades para chegar a un acordo sobre o mercado de traballo”. Quen é o funcionario de caricatura aquí? Eses representantes sindicais tomando cafeíño coa Ceoe ou o traballador da Administración pública? Iso, compañeiros. Nada de dinámica propia, nacional, galega. A rebufo dos sindicatos estatais. Nen se intenta, a pesares das maiorías sindicais nacionalistas en sectores clave da Función pública; Ensino, Administración autonómica, Universidade…É iso, compañeiros. Se a convocatoria de Folga na Función pública era o banco de probas da Folga Xeral, quixérona converter no banco de matar o porco. Nestes tempos de “Pan e Circo”, hoxe “Pan e Fútbol”, moito fútbol e pouco pan, os grandes estrategas sindicais levan a Folga Xeral ao outono, non facendo o que hai que facer senón só o que non desleixe o rol que lles asignaron. Resoan nas súas orellas de cans mantidos aquilo de “ o importante papel desempeñado polas organizacións sindicais no sistema democrático” babexando cando os tertulianos lembran os seus históricos servizos prestados e o seu alto grao de responsabilidade . Quérennos levar a outra folga ritual, de paseíño, coincidindo con todo o amarelismo sindical europeo. Compañeiros. Pero non imos caer no pesimismo, iso na casa, e non imos colaborar –xa o dixemos- unha chisca no pasotismo, na inacción, no fatalismo. Sen flores, que son para os mortos, pero hai que lembrar –coa modestia anteposta e suposta- o longo percorrido da CUT a prol da Folga Xeral. Nada de ritos. Nada de cubrir expedientes. Respostas necesarias no tempo e non despois do tempo. E sempre será tempo, porque o bandullo do capital é insaciable, estámolo a ver, e quere morrer farto. Se estas dinámicas cortesás dos sindicatos estatais nos queren levar ao fracaso e a frustración, pularemos –mesmo- pola Folga Xeral Galega. Demostraríase así que as organizacións do país están á altura, como xa o estivo a clase obreira deste pobo noutras circunstancias históricas. E organizar, porque cremos na organización da clase, non na dos vividores. En todo caso, sempre mobilizar para liberar as alamedas dos paseos da burguesía e os seus súbditos. Hai que aquelar, compañeiros.

Manolo L. Besteiro