PARAR Ó CAPITAL: A SOLUCIÓN PASA POLA FOLGA XERAL

PARAR Ó CAPITAL: A SOLUCIÓN PASA POLA FOLGA XERAL

11

 

Era setembro do 2008 cando a CUT definía como necesidade sindical, como resposta obreira, a convocatoria dunha Folga Xeral diante do que se aveciñaba; diante do que se deu en chamar Crise Xeral do Capitalismo. Dicíamos tamén daquela que os traballadores e traballadoras tiñamos un concepto distinto de crise. Para nós a crise é a nosa forma de vida, moi especialmente nos últimos trinta anos, nos que perdemos poder adquisitivo á mesma velocidade que ía crecendo a nosa débeda coa sociedade de consumo. O 18 de decembro de 2008 saiamos a rúa pedindo a FOLGA XERAL e berrando que ESTE SISTEMA NON SERVE.A alternativa de Folga Xeral, non foi ningunha consigna maximalista, prevía que as consecuencias da Crise ían ser devastadoras para a clase traballadora galega. O capitalismo sempre se converteu en socialista para repartir as perdas, e como en todas as crises a presente non ía ser distinta. En consecuencia, ou a clase traballadora se dota dos instrumentos de defensa para subverter a realidade ou afúndese arrastrando á miseria ós traballadores e traballadoras. Nese sentido, a Folga Xeral como instrumento é a arma axeitada que actuaría como revulsivo no plano sindical á hora de robustecer e aglutinar as posicións conscientes en torno á unidade de clase, e nos planos político e económico; é o instrumento para pararlle os pés ao capitalismo e aos seus xestores: os partidos políticos do sistema, sexan goberno ou sexan oposición.Cando a crise -unha e mil veces negada- foi tan evidente que Zapatero xa non podía ocultala, a resposta dos sindicatos CCOO e UGT foi a de fieis criados do goberno, actuando ao ditado do mesmo e da patronal. Contribuíron de maneira escandalosa a amansar a desesperación de amplos sectores da clase traballadora, que inmediatamente sufriron nas súas carnes as consecuencias máis violentas da crise: EREs masivos, despedimentos, peches de empresas, rebaixa de salarios e dereitos laborais, represión sindical, aumento da xornada laboral, etc.. Exceptuando a resposta da maioría sindical vasca, coa Folga Xeral en Euskal Herria o 21 de maio de 2009, o capitalismo afronta a crise no estado español sen sobresaltos e cunha clase obreira axeonllada, en Galicia non foi distinto.As primeiras medidas chamadas anticrise do goberno do PSOE foron precisamente ir ao salvamento da Banca, auténtico factor culpable da degradación económica por encontrarse o capitalismo nunha etapa de dependencia da especulación financeira. Pero isto non quedou aquí: o discurso populista de Zapatero, incapaz de abordar medidas reais, máis alá do reparto de esmolas e vendo como o índice de desempregados multiplicábase día a día, chega ao momento que saca a caroza e comeza a falar da necesidade das reformas laborais. Nese contexto aparecen en escena a xubilación ós 67 anos, o abaratamento do despedimento, ou a limitación salarial do 1% na negociación colectiva. Mentres os sindicatos CCOO e UGT atrapados na práctica servil e nas conversas coa CEOE, dan unha imaxe contraditoria e patética a esta agresión á clase traballadora, incapaces e sen vontade de trabar a man do seu amo, e máis cando o amo soltoulles un anticipo de 29 millóns de euros no mes de xaneiro.Pero non nos enganemos, a Reforma Laboral está a caer e vai ser posiblemente no primeiro trimestre deste ano. As medidas chamadas anti-crise, en realidade medidas anti-obreiras, non van quedar aí. Sexa co actual goberno do PSOE sexa a través da súa alternancia PP, o actual modelo neoliberal non permite vías ou saídas que cuestionen o vixente marco económico, político e socio-laboral. Por outra banda, todos os indicadores serios manexables indican, por moito que os discursos da Ministra Salgado digan o contrario, que no estado español hai crise para longo.De xeito paralelo ó asentamento da crise, o goberno foi reforzando os seus mecanismos represivos; nomeadamente o policial e xudicial, sen esquecer o papel narcotizador de conciencias dos medios mal chamados de información. O inimigo non é parvo, saben perfectamente que a pesar da claudicación do sindicalismo oficial, da inoperancia ou ás veces da inexistencia de esquerda real, pode haber explosións de rebeldía e resposta obreira e popular a medida que se prolongue a situación económica.A crise capitalista veu marcada polo seu carácter estrutural. Así mesmo o seu marco é global, pero non debemos de enganarnos nisto tampouco. É desexable dar respostas coordinadas do movemento obreiro no mundo, pero en cada situación concreta, en cada realidade política, económica ou xeográfica debemos de pasar á ofensiva. Hai que facer chegar á clase obreira a mensaxe de que outro sistema é posible, rompendo co capitalismo caduco.Témolo dito reiteradamente desde que comezou a actual crise, a conxuntura ten dúas saídas posibles: a prostración que nos levará o escravismo laboral e político ou ben a saída lexítima e necesaria que saque a clase traballadora para diante e pare as forzas do capital. Isto só é posible coa convocatoria da Folga Xeral Nacional en Galicia. A CUT está e estará nesa trincheira.Para a CUT é unha necesidade inescusable e urxente, reflexionar primeiro a nivel interno e despois proxectar a alternativa da FOLGA XERAL á clase traballadora e os sectores populares golpeados pola política neoliberal. Debemos de dar pasos no camiño da acumulación de forzas, sen complexos, sen sectarismos estériles. Debemos de ilusionar a aqueles que hoxe atrapados no marasmo da traizón sindical e na desesperación, e que mañá poden ser os actores capaces de transformar a conxuntura presente.A clase obreira de Galicia está ó borde do precipicio: a taxa de desemprego, a precariedade contractual, os salarios de fame, o medre da sinistraliedade, recortes drásticos de dereitos, as xornadas extenuantes, máis represión sindical,.. Pero tamén están no límite segmentos como o leiteiro ou o forestal no sector agrario, a pesca de baixura arruinada como tamén os pequenos propietarios do transporte. E se falamos no tocante ó plano de identidade como nación ou dos dereitos civís: a furibunda españolización para acabar coa nosa lingua nacional, a degradación medio ambiental xeneralizada, as liberdades públicas secuestradas a golpes da policía mercenaria, das sentenzas xudiciais ou das multas gobernativas. Que máis razóns esperamos para entender que non hai outra alternativa que a Folga Xeral? 

Galicia, febreiro de 2010