3500 traballadores e traballadoras esixen a Folga Xeral na manifestación do primeiro...

3500 traballadores e traballadoras esixen a Folga Xeral na manifestación do primeiro de maio

11

Entre 3500 e 4000 traballadores e traballadoras, déronse cita na manifestación do primeiro de maio, da CUT e CGT en Vigo, baixo o lema: Este Sistema non Serve, Camiñando á Folga Xeral.Con berros de: “Contra o Goberno, contra a Patronal, Folga, Folga, Folga Xeral”; ou “Onde están, que non se ven, os sindicatos de ZP” ó seu paso ante a concentración de CCOO e UGT; os sindicatos convocantes, CUT e CGT, reivindicaron neste primeiro de maio a convocatoria dunha Folga Xeral como resposta ás ineficaces medidas do Goberno Español e Galego fronte á Crise do Sistema que estamos a padecer a clase traballadora galega.Despedimentos masivos e case que gratuítos encubertos baixo o nome de EREs, precariedade laboral, ETTs e salarios miserentos, é o herdo que nos deixa o chamado “Pacto Social”, auspiciado en Galicia por UGT e CCOO, que xunto coa CIG, seguen a dicir que, aínda hoxe, non se dan as condicións que nos leven a unha clara resposta sindical fronte as agresións que está a recibir a clase obreira galega neste momento de Crise Sistémica. Unha resposta clara e contundente como sería a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional en Galicia.Ricardo Castro, Secretario de Organización da CUT, puxo nomes ás vítimas e ós verdugos, durante a lectura do manifesto. Así, para a CUT as vítimas son o proletariado galego e os verdugos son as empresas que receben subvencións millonarias do Goberno como Citroën, Faurecia ou Dalphi, que baixo a escusa de palia-la crise, seguen a aproveitarse da clase obreira. “Explotadores e explotados, as empresas quédanse cos nosos salarios, un 50% do noso tempo de traballo regalámosllo ó patrono”. – dixo Ricardo Castro.Tamén, no marco da Porta do Sol viguesa se lembrou o pasado: “nesta praza, no 36, o pobo proletario se levantou contra os feixistas e a Ría apareceu inzada de corpos. Mañá, cando os feixistas volvan ir contra nós, o pobo traballador loitará, pero desta vez venceremos”.Mesmamente, durante a lectura do manifesto, fíxose un chamado ao conxunto da sociedade galega, como poden ser as asociacións ecoloxistas, veciñais, culturais ou agrarias, para facer unha acumulación de forzas e así camiñar xuntos á Folga Xeral. O manifesto rematou cos berros acompasados de milleiros de voces proletarias cun: “Viva o primeiro de maio” e “Galicia Ceibe, Poder Popular”.